Un Xulgado do Social de Madrid sentenciou a favor da demanda interposta polo sindicato SATSE nesa comunidade autónoma.Ordena recoñecer a covid-19 como enfermidade profesional a unha enfermeira contaxiada desta enfermidade no seu lugar de traballo. Trátase dunha sentenza pioneira - que aínda pode ser recorrida -, pero de importante transcendencia para o colectivo sanitario.
Que diferenzas conleva ser cualificada como enfermidade profesional e non como accidente laboral?, que máximas avalan a argumentación desa primeira sentenza?, todos os colectivos sanitarios afectados poderán solicitar ese recoñecemento?, son algunhas das cuestións que responde neste podcast de 'Mentres isto dure' a secretaria provincial do sindicatoSATSE, Emma Rodríguez.
"Hai que ter en conta que dentro de dez anos non sabemos que secuelas pode ter unha persoa que pasara a covid-19. Tras conseguir que se recoñecese como accidente laboral, decidimos dar o seguinte paso para que se contemplase como enfermidade profesional. Xa que vía negociación non se estaba conseguindo, fomos pola vía xudicial", explica.
Tamén indica en PontevedraViva Radio: "todos os colectivos sanitarios deberían tentar este procedemento; sobre todo aqueles profesionais aos que lles foi recoñecida a covid-19 como accidente laboral. Agora mesmo pódese dicir que esta sentenza é punta de lanza. Conseguimos unha primeira sentenza e non me cabe dúbida que haberá máis".
De feito, xa hai unha segunda sentenza, resultado da demanda interposta polo sindicato CSIF en Castela A Mancha. Neste caso o fallo a favor corresponde a un auxiliar adminitrativo dun centro de saúde desa comunidade.