Este luns entraremos na terceira semana de xaneiro, un momento para o que se ten previsto o pico de contaxios por coronavirus nesta sexta onda e tal e como veñen prevendo e previndo no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Desde novembro, sinala Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid nesta área sanitaria, contemplaban o escenario que se foi reproducindo en decembro e o actual xaneiro.
Aínda que as cifras (oficiais) de contaxios son excepcionais e que "seguro que son moitos máis dos que se diagnostican, por ser asintomáticos"; en cifras de hospitalización "en UCI estamos na parte baixa da previsión e en planta na parte media". O cal "non hai que minimizar porque as consecuencias derivan en presión sobre Atención Primaria e outros ámbitos sociais", incide Turnes, que tamén é xefe do Servizo de Dixestivo.
Durante a conversación que mantemos en PontevedraViva Radio incide en varias ocasións na importancia da poboación vacinada. Unha das evidencias deste proceso vírono e ven no CHOP: a principal concomitancia de ingresados en UCI "no noso hospital como no resto de España é estar non vacinados, chegaron a ser tres de cada catro".
Repasamos algunhas consideracións que por repetidas non se converten en acertadas. Por exemplo, que por verse contaxiado xa se é inmune: "a medida que se reproduciron variantes, a protección en persoas que se contaxiaron foise reducindo e iso traduciuse en reinfecciones", explica.
Outra máxima que se está repetindo entre a poboación é: ao final ímonos a contaxiar todos. Turnes rexéitaa totalmente e advirte: "o risco dunha infección aguda non é cero e tamén está a covid persistente, así que non hai necesidade de contaxiarse. Podemos saír mal parados a nivel particular e tamén como sociedade" e recomenda non vanalizar factores de risco como obesidade ou hipertensión ante un contaxio.
Falamos tamén no podcast 'Mentres isto dure' da covid e a poboación de menos idade ou do propio persoal sanitario, por cuxo estado preguntamos: "o persoal sanitario está canso. Levamos case dous anos dedicados, en maior ou menor medida, a atender unha enfermidade que apareceu da nada e trastornou os nosos traballos e as nosas vidas".
GRIPALIZACIÓN DO VIRUS E MUTACIÓNS
Este coronavirus segue mutando e mirando ao curto, medio prazo: "é probable que nos próximos meses non vexamos mutacións moi radicais e por iso pasemos a outras fases de endemia controlable". Nas últimas semanas comunicáronse datos dunha variante identificada en Francia - con posible orixe en África - que afectou a un número limitado de pacientes e tamén outra variante que incorpora mutacións de Delta e Ómicron, en Chipre.
En canto ao debate ou idoneidade de cambiar unha vez máis a estratexia contra esta enfermidade e o coronavirus; o que se está denominando "gripalización da covid", Juan Turnes considera que aínda que o momento actual, encarando o pico máximo da onda, non é o adecuado para expor ese enfoque: "si pode converterse nunha enfermidade persistente, con subidas e baixadas, que coas vacinas e os fármacos antivirais orais, - a piques de aprobarse na UE -, poden axudarnos a cambiar o curso desta enfermidade".