Aínda que de forma innata as persoas poden oír, a escoitar hai que aprender. E a iso dedican parte do seu tempo catorce persoas en Pontevedra, de profesións e idades diferentes. A escoitar e acompañar ademais en situacións de perda, en procesos de duelo, a través do Centro de Escucha San Camilo. Contamos en PontevedraViva Radio con dous destas persoas voluntarias: María Jesús Rodríguez Míguez e Marina Hernando Mansilla.
Falar de duelo, non refire exclusivamente ao falecemento dun ser querido; tamén alude a toda unha serie de perdas como as que se están producindo nesta circunstancia pandémica. Así, cabe pensar que estes voluntarios leven meses desbordados de solicitudes de axuda.
Preguntamos no podcast 'Mentres isto dure' se é así: "pensabamos que viría un aluvión de persoas, pero estamos nunha situación de incerteza e non podemos darnos ese tempo para darnos conta realmente do efecto desas perdas" explican. Por iso, tamén están a se formar para que cando se recupe "a normalidade" poder acompañar e escoitar esas emocións que se están reprimindo; "isto non significa que agora non hai persoas que están a vivir momentos de duelo moi duros, porque tamén está a suceder".
Nesta tesitura e para quen segue acudindo a esta axuda, este voluntariado tivo que adaptarse de forma que os seus escoitas e acompañamentos estean a se facer tamén a través dun teléfono ou unha vídeo chamada.
O Centro de Escucha San Camilo comezou a súa andaina en Pontevedra en xaneiro de 2017. Trátase dun servizo gratuíto, aconfesional e confidencial. É posible contactar a través do teléfono 652385332, a traves do seu blogue, ou ben no correo electrónico centrodeescuchapontevedra@gmail.com