"Eu nunca pedín nada. Antes axudaba a repartir comida e agora tócame vir a min"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Roberta ten 49 anos e atópase nunha tesitura ata o de agora descoñecida para ela. Ata o 13 de marzo, nunca lle faltaron unha ocupación nin ingresos para afrontar os seus gastos, pero, desde ese día, o estado de alarma e as súas restricións de desprazamento impediron que realice o seu traballo habitual como monitora de zumba na casa de cultura de Monte Porreiro e reduciu drasticamente o diñeiro que entra na súa conta. A nova conxuntura converteuna en usuaria do Banco de Alimentos, un servizo ao que xa estivera vinculada antes, pero como voluntaria.
Co cesamento da súa actividade, acolleuse á axuda de autónomos habilitada polo Goberno e si está a recibir ingresos, pero moitos menos dos que adoitaban entrar na súa familia, de modo que se viu obrigada a solicitar esta achega de alimentos. Nunca imaxinou chegar a isto, pois, tal e como sinala, "nós repartiamos con Carlos moitas veces", en alusión a Carlos Diéguez Failde, responsable do Banco de Alimentos de Monte Porreiro e presidente da asociación de veciños do barrio.
"Eu nunca pedín nada", explica tras recoller a caixa que lle corresponderá para 15 días de alimentación para ela e a súa parella, Leo. "Antes axudaba a repartir e agora dixen: pois tócame vir a min", engade, moi agradecida pola axuda, que lles permite respirar dunha economía que xa os mantiña afogados.
Tanto ela como Leo, a súa parella, de 44 anos, son monitores de zumba, de modo que a actividade de ambos cesou co estado de alarma e descoñecen cando poderán retomala. Ao principio, os aforros chegábanlles, pero nas últimas semanas empezaron a escasear e decidiuse a pasar de voluntaria a beneficiaria do servizo.
A súa realidade é a de tantas familias ás que a pandemia cortou o seu modo de vida, pero sen ter en conta que ela xa se organizara esa vida en base a uns ingresos que eran fixos todos os meses. Por sorte, vive nun piso de protección oficial e o aluguer teno suspendido mentres se prolongue a situación, pero o resto de facturas seguen chegando. "Ti planeas a túa vida cun coche, con isto, con aquilo" e cando chega unha situación como esta os plans trastórnanse e "ao final, non chegas a fin de mes".
A situación desta muller que desde que chegou a Pontevedra hai 15 anos procedente de Brasil non parara de traballar é temporal e sabelo dálle certo alivio, pois en canto se levanten máis restricións da desescalada, retomará o seu traballo e os seus ingresos, pero pensa na situación doutras familias e éntralle certo abafo.
"Non temos fillos, neste momento, dou grazas a deus", recoñece aliviada por non atoparse con máis bocas ás que alimentar, pero, tras recoller as caixas con comida que lle entregaron, tamén ten un momento para o optimismo que lle dá saber que existen servizos como o Banco de Alimentos, pois "vés de arriba e cando te caes, que ben que tes onde apoiarte".
"Vés de arriba e cando te caes, que ben que tes onde apoiarte"
Esa rede que sostén a persoas como Roberta e Leo técena o voluntariado e as achegas altruístas de empresas e particulares. No Banco de Alimentos de Monte Porreiro víronse "excedidos pola situación" ocasionada nesta pandemia, pois en condicións normais atendían a unhas 120 familias, pero nas últimas semanas, a cifra de usuarios non deixa de crecer. Os datos máis recentes que teñen contabilizan xa 175 familias, unhas 700 persoas do seu barrio e doutras zonas de Pontevedra.
Desde a directiva da asociación veciñal tiveron que lanzar un SOS, pois "era inviable chegar a todas as necesidades coas nosas existencias" e agora están a tirar cara adiante grazas a unha lista de empresas solidarias que inclúe a Froiz, Gadis, Cooperativa San Miguel, Marfrío, E. C.Casas, Cristalería Pontevedresa, Setga, Lago, Javier Oleiros (chef de Culler de Pau), Cárnicum, Sala Karma ou El Mono con Sombrero, así como veciñas implicadas no proxecto como María Rey e Marga Soliño.
Grazas a este incremento das axudas puideron facer fronte á demanda crecente de persoas como Sonia, unha veciña de Monte Porreiro de 36 anos que leva desde o 14 de marzo en ERTE e viuse obrigada a "pedir un préstamo para pagar os recibos atrasados" e a demandar alimentos.
"Estamos fatal, non ingresamos nada. O meu marido non traballa, non cobra paro nin nada, a única que traballaba era eu e non nos dá o diñeiro para a comida nin nada", relata, agradecida co labor do Banco, pois "axúdannos moitísimo" e a ela chegou un momento, semanas atrás, en que lle deron comida cando "antes de que o branco me arranxase para cobrar, non tiña nin un euro na conta". A súa hipoteca e os seus gastos habituais provocan que viva ao día cos ingresos do seu traballo no sector da hostalería e, sen traballar, afogábase.
Situación similar vívea Maricarmen, que a diario axuda aos seus fillos co sustento dos seus seis netos e de súpeto, atopouse sen ingresos que poder achegar á economía familiar. Co carro da compra recentemente cheo de froita, pasta e alimentos de primeira necesidade, respira máis tranquila e destila agradecemento infinito cara a todos os voluntarios, en especial "Carlos e a súa muller, que son marabillosos".
María cos seus catro fillos famentos e o seu traballo na venda ambulante interrompido, e Luz sen ningún ingreso para ela, a súa parella e os seus dous fillos son outras das persoas que cada día que reciben o aviso de que haberá repartición de alimentos respiran un pouco máis tranquilas. O diñeiro que reciben non lles alcanza e non dubidan en coller o seu carro baleiro e, á hora indicada, facer cola para levar a súa ración.
Durante a pandemia, as reparticións realízanse de forma graduada e os voluntarios citan a dúas persoas cada dez minutos para que non coincidan todos xuntos e logren manterse as distancias de seguridade recomendadas. A pesar de todo, créanse colas nas inmediacións. Persoas coa cara tapada con máscaras e as grazas na boca que agardan pacientemente a que a axuda solidaria lle permita saciar a fame que o coronavirus incrementou.
Relacionadas:
-
RADIO.- A pandemia tamén está a atrasar moitos procesos de duelo
Por Marisa Ciordia |
-
Situación "precaria" no Banco de Alimentos: andeis baleiros, cada vez máis demanda e sen operación Quilo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Vodas de prata en tempos de pandemia: unha parella substitúe a súa celebración por unha doazón ao Banco de Alimentos
Por Natalia Puga |
-
Fluxo constante de doazóns para o Banco de Alimentos de Monte Porreiro, que xa supera as 200 familias
Por Redacción |
-
Almorzos saudables para os máis vulnerables de Monte Porreiro: "Coidar a infancia é imprescindible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ciudadanos pide ao Concello que envíe por correo máscaras de protección ás persoas desfavorecidas
Por Redacción |
-
O PP local inicia unha campaña de recollida de comida para colaborar co Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Recadan máis de 1.000 quilos de alimentos nunha recollida solidaria organizada na Sala Karma
Por Diego Torrado & Redacción |
-
E o aplauso das oito é para... o Banco de Alimentos que sostén a 700 persoas de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |