RADIO.- Desde El Salvador a Pontevedra para facer un mestrado en tempos de pandemia
Por Marisa Ciordia
Katherine Portillo Marroquín reside desde o mes de outubro en Pontevedra onde realiza a través dunha bolsa Erasmus, un máster en Dirección Pública e Liderazgo Institucional na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Comparte con PontevedraViva Radio como está a ser a súa experiencia.
Ela é asistente xurídico na Universidade Centroamericana José Simeón Canas do Salvador, o seu país. Durante a charla que mantén en Mentres isto Dure, explica como e cando xurdiu esta posiblidad de completar a súa formación académica; os imprevistos que se foron sucedendo ata que embarcou destino a Pontevedra; a evolución da pandemia no Salvador e como se recibía a situación da covid-19 en España.
"Esta oportunidade non se lle dá a calquera e non podía permitirme o luxo de rexeitala. Quizais non a esperaba neste momento da miña vida, nin nestas condicións; pero non me freei" afirma Katherine, evidenciando que a pesar de que este virus trastornou a vida de todos, ela mantivo os seus obxectivos a pesar das vicisitudes. Máxima coa que anima tamén ao resto: "o virus é algo moi difícil, pero podemos atopar a maneira de crecer, mesmo fronte á adversidade".
Durante estes dous meses que leva en Pontevedra "síntome en casa" di e apunta que a vivencia está a ser "marabillosa", coincidindo académica e persoalmente con "persoas de alta calidade profesional e humana". No mes de febreiro tocaralle regresar ao Salvador para presentar, defender a súa tese e poder facer práctica esa máxima da súa Universidade: "ensínannos a formarnos como profesionais para un cambio social, algo co que síntome plenamente identificada".