Este outubro desde Francia transcendeu a procura de diferentes profesionais artesáns para restaurar a catedral de Notre Dame consecuencia do incendio sufrido en abril de 2019. A esa chamada van concorrer canteiros saídos da Escola de Poio, pero atópanse cun baleiro no seu currículo: os seus estudos non están homologados.
Manuel Sestelo e Javier Diéguez, canteiros, deixan en PontevedraViva Radio unha pregunta que avala a reclamación que levan facendo desde hai anos: "Que imos escribir nese dossier, que temos unha formación que non está regrada?, merecémonos ir con dignidade a Notre Dame ou nos merecemos ir coa cabeza baixa?".
A Deputación de Pontevedra - entidade da que depende a Escola de Canteiros de Poio -, segue sen atender a demanda de homologación do Ministerio de Educación como unha Formación Profesional de grao medio para canteiro e de grao superior para mestre canteiro e expón un certificado de profesionalidade. Un título que consideran "ridículo" porque "a nosa formación é maior á que supón ese certificado de profesionalidade".
Dous anos despois da súa última participación nas Conversas na Ferrería seguen recollendo firmas, facendo xestións con portavoces políticos e dado que seguen sen unha consecución recorreron á Valedora do Pobo e xa miran ás instancias europeas para deixar constancia da súa reclamación.