A solución á súa reivindicación é sinxela, a priori. Chámase "vontade política". Na Escola de Canteiros de Poio, cinco anos de estudo conclúen cun título que non ten ningún valor nin recoñecemento profesional. Por iso reclaman ás administracións competentes a homologación.
Nas Conversas na Ferrería contamos con Manuel Sestelo, Javier Diéguez, Esther Veiga, Aurea Díaz e Paulino Castiñeira, ex alumnos da escola e membros da Asociación de Canteiros de Poio. Están a reivindicar polos que xa pasaron polo centro, polos once que estudan agora e polos que poidan estudar nun futuro "se non seguen deixándoo morrer", como sinalan no programa.
Son varias as liñas reivindicativas que están a seguir, concentracións, reunións con gupos políticos, recollida de firmas en mesas informativas e a través da plataforma Change.org e o 31 deste mes levará ao pleno de Poio unha moción instando á Deputación Provincial e á Xunta a que realicen as pertinentes xestiones para homologar a formación que se ofrece neste centro en cinco anos.
Falan ademais en PontevedraViva Radio, de como naceu o centro, como asumiu a Deputación a súa titularidade e xestión, que prácticas seguíronse nestes máis de 30 anos, que saídas, oferta e demanda ten a profesión de canteiro e igualmente falamos das mulleres canteiras.
(Por se o titular induce a confusión ou incomprensión: estornela e arxinas son dous termos que utilizan os canteiros na súa xerga particular. A primeira significa escola e a segunda canteiros).