Inquieta, rosmona, crítica, comprometida, optimista, "no fondo romántica e de dura pouco", son todo apelativos que Carmen Avendaño Otero, a filla de Antonio e Carmen - un vigués e unha estremeña -, utiliza durante esta Playlist para definirse a si mesma.
A primeira de dez irmáns, leva por tanto o nome da súa nai; uns irmáns que seguen referíndose a ela como "a matriarca". Xustificadamente pois exerceu de segunda nai con eles e por tanto ben nova soubo o que era "asumir responsabilidade".
A súa frustración de mocidade foi non poder ir á Universidade; unha posibilidade que na casa familiar reservábase para os fillos homes. De poder, tería elexido Medicina ou Dereito. Quen llo ía a dicir, a universidade da vida ben que a espoleou en materia xurídica!.
Coñeceu ao seu noivo un 12 de outubro, nunha festa que organizara unha amiga. Ese noivo co que casou con 20 anos e co que leva 54 de convivencia.Jaime, ao que describe como paciente, discreto e xeneroso. Tres virtudes que evidencia sen dúbida durante a mañá que compartimos con eles en PontevedraViva Radio.
Con 25 anos, xa tiña aos seus cinco fillos: Alberto, Jaime, Jorge, Abel e Rubén. Carmen lembra que cando en televisión daba as boas noites a Familia Telerín chegaba o momento de descanso para o matrimonio. Uns anos que acompañada de felicidade. Logo virían as adolescencias dos fillos e con eles os capítulos xa sobradamente coñecidos dos que saíu a Carmen Avendaño "pública", a presidenta de Érguete. A que liderou, ou coliderou como ela prefire, con outras nais, un enfrontamento sen cuartel contra os narcotraficantes galegos.
Deixando atrás desgustos, un dos días máis felices da súa vida foi aquel en que se converteu en avoa. Cinco ten xa e recoñece que con eles e elas é e foi "unha manteiga, como todas as avoas". Pasamos tamén durante esta charla pola súa etapa política, incluso aquela en a que foi concelleira do PSdG en Cangas sendo alcalde Lois Pena, municipio no que agora reside e do que di "a min Cangas curoume", porque superou unha enfermidade "da que me desafiuzaran".
Participou na estrea televisiva da serie "Fariña" da que afirma só viu aquel capítulo. "O tema das drogas déixoo fóra de casa", di; motivo polo que tampouco ve, nin escoita nin le aquelas entrevistas nas que ela é a protagonista. De feito, nunca máis volveu ver despois da estrea ao que foi convidada, a película "Heroína" que relata a súa parte biográfica máis coñecida.
E terminamos falando de fútbol "está a gustarme e moitísimo" recoñece Carmen Avendaño, membro do Consello de Administración do Real Club Celta de Vigo. Non podía concluír doutra forma, co seu bis reivindicativa: "fago un chamamento a que as mulleres participen máis".