Ulises Bértolo é avogado e profesor de Dereito. 'La dama del norte' é a súa terceira novela e recrea o nome dunha muller que desde 1999 foi motivo de titulares. Naquel ano materializouse a denominada Operación Temple, o maior golpe ao narcotráfico tanto en España como en Europa. E ao fronte daquela organización delincuencial, a protagonista deste libro: Ana Garrido Álvarez.
O autor mantivo conversacións con esta muller para desenvolver posteriormente a historia e tamén con efectivos policiais e xudiciais.
Respecto a esta última parte sinala que non quixo "contar unha crónica policial, nin unha crónica xudicial, é unha novela" aínda que recupere "aspectos e acontecementos moi sorprendentes, previos, durante e posteriores ao xuízo". Respecto á primeira parte, 'La dama del norte' "non pretende unha redención, nin xulgala nin absolvela, senón poñer a historia ao dispor dos lectores para que saquen as súas conclusións".
Bértolo afirma que con aquelas charlas quixo "indagar na muller que hai detrás da narcotraficante", "os seus anhelos, os seus medos, o lado humano".
"Ana Garrido é unha muller que nace nun pobo mineiro asturiano, nunha familia moi humilde e que estando nas antípodas do narcotráfico acaba sumida totalmente nese mundo". Un mundo, como sinala no programa 'Cara a cara' e tamén describe no libro, dominado polo xénero masculino e no que - a xuízo do escritor - ela era "moi lista, moi sagaz e tíñaos ben postos".
A entrevista completa pode escoitarse na ligazón que se adxunta a esta información e tamén pode descargarse o podcast na web de PontevedraViva Radio.