O último título da xornalista e escritoraMarta Robles extrae un verso de Neruda: 'Lo que la primavera hace con los cerezos'. Este ensaio ocúpase dese sentimento universal: o amor. Relaciona o amor, o desamor ou a falta de ambos coa creación. "Para que haxa artistas ten que haber emoción, para que haxa emoción ten que haber sentimentos e o sentimento do amor é o que move aos seres humanos, non só aos artistas" explica no podcast 'Cara a cara'.
Preto dun centenar de nomes propios vencellados ás diferentes disciplinas artísticas baixo a lupa das súas biografías sentimentais. Donjuanes, atormentados, asasinos, maniáticos, fetichistas, misóxinos, liberais... non só eles enchen estas páxinas. Robles dedica tamén un capítulo exclusivo ás chamadas mulleres fatais, cuxo preámbulo podes escoitar no podcast de PontevedraViva Radio.
Amores normativos, relacións poliamorosas, heterosexuais e homosexuais... como serían se os seus protagonistas habitasen outro momento?, preguntamos á autora. É o caso por exemplo de Lewis Carrol: "se vivise no século XXI levariámoslle ao psicólogo, ao psiquiatra ou o denunciariamos mesmo. Na Inglaterra daquel momento non era así. Nunca lles fixo dano nin abusou delas pero desde o punto de vista actual resulta absolutamente inquietante e desde logo pornográfico".
"A súa beleza foi unha especie de castigo e rouboulle a felicidade" refire Robles sobre Marilyn Monroe. E xa que o libro permite poñer rostro aos seus protagonistas a través de fotografías, preguntámoslle por "unha historia apaixonante que merece a pena coñecer", a de Robert Capa e Gerda Taro "unha das mulleres máis desapercibidas se non ocultadas da historia da fotografía".