Rememoramos en PontevedraViva Radio momentos da familia Vilán Lorenzo. Primeiro fora xunto á deputada autonómica do PSdeG-PSOE, Patricia Vilán - a súa irmá -, e agora toca con Andrés, percusionista e autor dun libro pioneiro na música tradicional galega'Método de tambor galego'. Comezamos a charla situados en Arcade, onde viviron ata trasladarse a Pontevedra, por profesión dos seus pais.
O maxisterio marcou a súa infancia e adolescencia inevitablemente. Ana, a súa nai, como profesora na Xunqueira II e posteriormente, Andrés, o seu pai, como director do Instituto Valle Inclán. Responde Andrés que se algo puidese recuperar da infancia, sen dubidalo sería o tempo libre. E xustifica esa elección aclarando que non tivo vacacións desde os once anos. Desde os once anos!.
Arriscou elexindo a música que lle atraía, en lugar doutro camiño máis fácil, enténdase fácil por comercial; e compatibilizalo ademais coa outra faceta que herda, a docencia. Iso si, a música de forma autodidacta e tras matricularse na Facultade de Empresariais de Santiago.
Non deixou de sentir esa tensión que pode provocar un escenario e subiuse a eles cos nomes propios do folk e a música tradicional; escenarios como o doCeltic Connections de Glasgow, que lembra especialmente. Noctámbulo para traballar, tamén acumula infinidade de premios e iso que deixou de concursar con 25 anos aproximadamente.
Pesa sobre a conciencia da Playlist, quitar o soño a este invitado por pensar na súa selección para o programa; algo que nos seus cinco meses non fixo a súa filla Aranza. Conclúe co desexo de terminar, antes que de despida 2019, un proxecto musical do que polo momento, prefire manter reservado á discrección.