Espazos Sonoros celebra en Pontevedra unha xornada dedicada a Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó
Por Redacción
O festival Espazos Sonoros despide a súa oitava edición este mércores 28 de outubro, ás 20:00 horas, cunha xornada dedicada ao pontevedrés Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó (1872-1950), protagonista das primeiras gravacións etnomusicolóxicas galegas, promovidas por Xosé Filgueira Valverde.
Este ciclo de música en espazos de especial interese cultural ponlle o broche final á programación de 2015 no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, cun proxecto que recupera as gravacións históricas nas que o emblemático gaiteiro pontevedrés interpreta a marcha do Corpus, auspiciadas en 1947 polo autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.
Oscar Ibáñez Trío ofrecerá unha charla-concerto, de acceso gratuíto, arredor destas gravacións, na que o gaiteiro pontevedrés será o encargado de recuperar os sons das antigas gravacións para devolvelas á contemporaneidade, interpretadas coa gaita orixinal de Xoán Tilve. O músico estará acompañado da formación típica naquel tempo, o tambor e o bombo, a cargo de Andrés Vilán e de Cristian Silva.
Previamente, presentarase o libro Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó, editado por aCentral Folque coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, na que está previsto que interveñan o fillo de Filgueira Valverde, Xosé Fernando Filgueira; os autores da obra, Xavier Groba e Oscar Ibáñez; o editor do traballo, Ramom Pinheiro; e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, xunto cunha representación da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
A presentación deste traballo constitúe unha homenaxe a Xoán de Campañó, figura emblemática no sur de Pontevedra por ser o gaiteiro das marchas de procesión do Corpus e referente da tradición gaiteira pontevedresa no pasado século, así como tamén a Filgueira Valverde, autor ao que este ano a Real Academia Galega lle dedicou as Letras Galegas.
Coincidindo coa data do aniversario do nacemento do polígrafo pontevedrés, o 28 de outubro, a xornada de clausura de Espazos Sonoros pon de relevo o legado etnomusicolóxico do que fora director do Museo de Pontevedra, quen a comezos dos anos corenta ordenou e publicou o Cancioneiro Musical de Galicia, compilado por Casto Sampedro.
Posteriormente, en 1947, cos medios técnicos do estudio de Radio Pontevedra, Filgueira decidiu levar adiante unha gravación documental insólita, pioneira no seu xénero, e de gran valor etnomusicolóxico: a marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó e comentada ao vivo por el mesmo. A gravación impresionouse en discos de acetato en dúas copias, das que só se conserva a do arquivo do Museo de Pontevedra.