Conta Sés que cando aínda era coñecida como María Xosé Silvar xurdiulle a oportunidade de arriscarse e vivir o soño polo que outros tantos loitan. Fronte ao tópico de ter que asegurarse un futuro máis aló do son que tanto a caracteriza, a súa nai confiou nela e animou a María Xosé a converterse en Sés: "o non xa o tes".
Esta e moitas outras dúbidas respondeu a cantautora galega no programa Cara a Cara de PontevedraViva Radiocon motivo do seu novo álbum Opoñerse á extinción e do concerto que ofrecerá na cidade o sábado 11 de febreiro. Ademais de repasar os seus inicios, analizou o presente e especulou sobre o seu futuro. E que Sés ía para mestra e nótase: fala con convencemento e paixón sobre o que considera que debe de ser a música e atopou nela unha canle de transmisión que pode transcender moito máis que a docencia.
Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, Sés preparaba o seu doutoramento cando se presentou con Chámalle Xis! ao concurso de maquetas que apadriñaba Santiago Auserón. Para sorpresa do grupo, que non contaba cunha formación seria detrás, o ex vocalista de Radio Futura elixiu a súa como favorita. "Es la bomba", díxolle, e as súas palabras quedaron na memoria da cantante e compositora para sempre.
A Sés de 2007 e a de agora di que non se diferencian en moito: a humildade e o amor ao que fai seguen aí, entendendo a música como fin propio e criticando duramente a aqueles "esperpentos" que a usan como atallo para a fama. Esa implicación reflíctese nas letras das súas cancións, onde plasma a súa visión do mundo e ante as posibles críticas reflexiona: "a pregunta non é por que o fago eu senón por que non o fan os demáis".
Tampouco deixa a un lado a reivindicación da súa lingua, a galega, que non desterrará a favor desa suposta proxección internacional pola que moitos a abandoan e se algún día vira a súa trayectora limitada, "non a culparía".
Dende logo, nin se lle pasa pola cabeza que isto sexa un impedimento e está máis que demostrado, non só polo éxito dos seus recentes concertos en Madrid ou o País Vasco, senón nos diversos festivais e concertos que deu polo mundo, onde Sés asegura que "o 95% do auditorio non diferenza o galego do castelán".
Unha vez máis, os pontevedreses poderán confirmar por eles mesmos o talento da cantautora no concerto do sábado 11 de febreiro no Pazo da Cultura, onde presentará o seu cuarto álbum que continúa coa súa inconfundible liña estilística e sen esquecer esa faceta reivindicativa que tanto a caracteriza. Para mostra diso, a canción que recomenda Romance da bela rosa, unha homenaxe a aquelas mulleres que, como ela, defenderon as súas ideas pero, por desgraza, sufriron dun mundo que non estaba preparado para escoitalas.