O mozo prometía e o tempo confirma a afirmación. O guionista pontevedrés e metade da produtora Porco Bravú, Óscar Cruz, está a vivir un momento intenso na súa traxectoria profesional.
Acaba de conseguir un quinto Premio Mestre Mateo pola webserie 'A arte de ser (mal) pai' (de Porco Bravú e producida por Miraveo), é guionista para o programa 'Malicia noticias' da TVG, forma parte do equipo do podcast 'El Nicho' de David Perdomo e tamén imparte clases de guión na Universidade da Coruña.
Volve a PontevedraViva Radio, onde foi artífice de 'La transición', con motivo dese último Mestre Mateo que o pasado marzo entregoulles a Academia Galega do Audiovisual.
O galardón é o máis recente dos que vén acumulando desde o ano pasado esta webserie, como foi o Premio Mellor serie en Gallego e Premio do Público no Carballo Interplay; ou o Premio Mellor Episodio Piloto no Festival Serielizados, unha convocatoria que "é o mellor festival de series de España; que é unha tolemia!. Estaban alí os Javis con 'La Mesías', Berto con 'El otro lado' ou Jesse Armstrong, creador de 'Succesion' e levámonos o premio do xurado ao mellor piloto!".
"Produtores de Galicia aquí estamos" foi a frase que pronunciou Boquete ao recoller o Mestre Mateo. E é que teñen o guión do que pode ser a longametraxe de 'A arte de ser (mal) pai'. A repartición desa posible película, e polo momento webserie, tamén leva nome pontevedrés, Xosé Manuel Esperante, a quen tiña claro o guionista que tiña que ser. O descubrimento foi a pequena Jacoba de Llano, a quen igualmente colma de eloxios.
Agora entrar no circuíto comercial é outro reto. Neste punto Óscar Cruz confía en "a plataforma A Galega onde se pode ver en todo o mundo o que se está facendo en Galicia; se deciden que entre, claro". O que si ten claro este pontevedrés é que "quero dedicarme ao audiovisual desde aquí", isto é, que a creatividade galega siga tendo oportunidade de desenvolverse en Galicia.
O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e igualmente este 'Cara a cara' e os anteriores pódense escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.