O pontevedrés Víctor Efrén Castro Cereijo volve ao podcast 'Cara a cara' para presentarnos o seu máis recente libro de poesía, 'Iceberg. Solo la puntita'. Achegáranos aos dous primeiros, así que tamén lle preguntamos polo anterior, 'Cala Vera. Memento mori'.
Se con 'El cuaderno de bitácora' fixo unha viaxe de autodescubrimiento, con 'Kamikazes. Pájaros con vértigo' pasou a "cousas que dan medo" pero hai que facelas; para o terceiro título convidou a enfocar o presente desde a consciencia de saber que é o final. Neste último, recupera a viaxe de Dante Alighieri facendo un tránsito polo inferno, o purgatorio e finalmente o paraíso.
Para este docente no ámbito deportivo, escribir poesía é "unha forma de desconectar, de expresar, de liberar, de transmitir, de deixar algo para que alguén me coñeza algo mellor e ata unha terapia". Non se impón unha disciplina de escritura, máis ben "depende do día, como se di agora, depende se teño o flow ou non".
Os seus libros, autoeditados, son un traballo completo do autor. Isto é, todo o proceso é seu, escribir, darlle unha forma ao discurso poético, maquetar, ilustrar e buscar onde editar. Con todo, en 'Iceberg' a autoría da portada é da ilustradora viguesa Carola.
O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e igualmente está dispoñible para escoitar e descargar desde a web dePontevedraViva Radio.