Andrés Núñez Rajoy
Ulo pacifismo?
"Querida Milagros, queda tanto por vivir. Sería absurdo dejarse la piel aquí". (El Último de la fila)
Buscando información sobre o pacifismo, que tal e como van as cousas parece desaparecido, atopei unha enquisa que presentou neste mes de marzo Gallup International (GIA), que se titula: "Menos persoas están dispostas a loitar polo seu país en comparación con fai dez anos" (https://www.gallup-international.com/survey-results-and-news/survey-result/fewer-people-are-willing-to-fight-for-their-country-compared-to-ten-years-ago). A Asociación Internacional Gallup fixo un estudo de 46.000 entrevistas en 45 países (en España fíxoa Sigmados). A xeopolítica da guerra vai medrando a medida que avanza o século XXI. Rusia anexiona Crimea e invade Ucrania, Israel contra os palestinos e Líbano pode acabar involucrando respostas por parte de Irán. China e Taiwán. Corea do Norte contra Corea do Sur e Xapón. Parece que camiñamos cara unha escalada mundial de conflitos bélicos. De entrada, e cos datos dos que dispomos, xa podemos dicir no planeta unha de cada dúas persoas (52%) estarían dispostas a loitar polo seu país en caso dunha suposta guerra, un terzo (14%) non iría, o resto non o ten claro. Segundo a enquisa, a disposición a loitar diminuíu logo de ver os conflitos últimos. Nas actitudes cara a disposición a loitar vese unha clara división entre o Sur/Leste global e o Norte/Oeste global. Na Unión Europea a media da cidadanía a loitar é do 32%, en EEUU é do 41% e no Canadá do 34%. Pola contra en Asia occidental é do 77%, en Oriente Medio, neste momento moi tensado, é do 73% ou na India do 76%. Os países onde máis dispostos están para defender o seu país temos a Armenia cun 96%, Arabia saudita cun 94%, Azerbaiyán cun 88%, Pakistán cun 86% e Georgia cun 83%
Detalle da pantalla de GIA cos datos a nivel mundial e en Europa (ANR)
Polo que se refire a España, os datos din que o 53% da cidadanía non estaría disposta a loitar polo país no caso dunha guerra. Os que están a favor representan un 29% e 18% restante non sabe nin contesta. España atópase entre os nove países cun rexeitamento superior ao 50% e que son Italia, Austria, Alemaña, Nixeria, Macedonia do Norte, Xapón, Serbia e o Reino Unido.
Os militaristas alertan da dificultade no recrutamento. No mundo occidental a cousa está complicada. En España reducíronse os efectivos nun 10%. En Alemaña baixaron un 7%, cun abandono do 30%, expondo propoñendo retomar a "mili" obrigatoria. O mesmo en Francia ou no Reino Unido. Nos EEUU calculan que non cubrirán todas as prazas en 15 anos.
Na miña adolescencia, e xuventude, bebíamos dos fitos do pacifismo. Cantábamos as cancións que a o reflectían. Cancións de Bob Dylan, Creedence Clearwater Revival, Simon & Gartfunkel, The Doors, John Lennon, Mercedes Sosa, Violeta Parra, Soledad Bravo e o "Non nos moverán" de Joan Báez. Aquí comezaban a oírse os primeiros Voces Ceibes. Logo pintábamos nas nosas carpetas aquel círculo con tres liñas que logo se converteu no símbolo da paz. Participamos nos movementos Anti-OTAN. Oíamos falar do Mahatma Gandhi. Apuntámonos ao movemento antinuclear de Europa xurdido polo medre armamentístico da Guerra Fría. Levábamos aquela pegatina redonda, amarela cun sol vermello e a lenda de NUCLEAR? NON GRACIÑAS. Loitamos e protestamos contra os asasinatos de ETA. A primeiros de século apuntámonos ás mobilizacións contra a Guerra de Irak involucrados por José María Aznar, con mentiras sobre as armas de destrución masiva. Foi a época do NON Á GUERRA. Máis todo iso parece que esmoreceu. Desde o comezo da Guerra de Ucrania, Putin ameaza (hipoteticamente) co conflito nuclear mais os occidentais mírano como se fose un absurdo. Pensan na vantaxe tecnolóxica. Fíanse dos dirixentes que marcan a súa política de resolución de problemas ou ben loitando (como en Irak) ou apoiando (como en Ucrania) sen ter en conta que a cidadanía cada vez esta menos disposta a levar armas. A narrativa da Unión Europea e do G-7 é facernos crer que a de Ucrania é a nosa propia guerra. Os "lobby" do armamento teñen moito poder e moito que perder. O francés Macron ou o polaco Tusk andan advertindo da posibilidade dunha guerra que involucre a Europa, en vez de procurar a paz. A Unión Europea delega o tema militar á OTAN sen ter en conta que o maior logro europeo durante séculos son as décadas consecutivas de paz entre países que sempre estaban en guerra.