Andrés Núñez Rajoy
Feijóo e as hienas
Lin no mes de maio, nos xornais que se publican en papel en Galicia, unha noticia que tiña que ver co impacto socioeconómico de Iberdrola en Galicia, 411 millóns de euros. Tiña pinta de ser unha noticia de parte, mandada pola empresa, todos os xornais, uns un pouco máis, outros un pouco menos poñían o mesmo. Esa nova mandouse a todos os xornais de España aínda que os datos ían segundo a CCAA. Era unha nova de consumo interno, o 17 de maio ía celebrar a Xunta Xeral de Accionistas 2024. Vistos así de golpe parecían bastante impacto económico, mais tamén debemos recoñecer a cantidade de centros que Iberdrola ten en Galicia. A potencia da que dispón na nosa terra é de 2.217 megawatts (MW), dos que 2.208 MW son renovables grazas ás 21 centrais hidroeléctricas que producen 1.582 MW e ás 18 instalacións eólicas e que aportan 626 MW. O reparto provincial encabézao Ourense con 1.690 MW e 25 instalacións, Lugo con 288 MW e nove instalacións, Pontevedra con 130 MW e tres instalacións e A Coruña con 99 MW e tres instalacións. Visto así con tantas instalacións xa non parece tanto aporte socioeconómico. E no resto do Estado, que pasa? É como en Galicia?. Ímolo ver. Fun a páxina oficial de Iberdrola e sae o seguinte cadro:
Fonte: Elaboración propia a partir de datos aportados na páxina https://www.iberdrolaespana.com e https://www.iberdrolaespana.com/sala-comunicacion/noticias/detalle/240514-la-actividad-de-iberdrola-espana-genera-un-importante-impacto-socioeconomico-y-contribuye-al-desarrollo-de-15-comunidades-autonomas, (*) Sen datos atopados
Vistos así os datos o máis sorprendente é ver como a Comunidade de Madrid, que non ten instalado nin un só MW na súa comunidade, xera un impacto 5.000 millóns de euros que se reflicten na contrata de 1.200 empresas desa comunidade cun gasto de 4.000 millóns de euros, e conta con 3.100 empregados. Outro caso para destacar é o de Euskadi, alí ten a sede Iberdrola o que implica o pago de impostos en Euskadi. A potencia instalada é pequena, de 143,25 MW, porén aporta o 3,7% ao PIB vasco, segundo presumen no seu informe de Euskadi e, por riba, a creación de emprego en empresas vascas acada os 30.000 empregos, a parte dos 1.800 empregados propios, cando en Galicia os empregos son 217. Un exemplo das contradicións de que onde se produce enerxía xérase riqueza é o caso de Asturias. Ten unha potencia instalada de 200 MW, aínda así ten un impacto económico de 500 millóns de euros (en Galicia 411). Ademais segundo pon o informe de Iberdrola para Asturias pon o seguinte: "Iberdrola y el grupo empresarial asturiano Exiom continúan sus pasos hacia la apertura definitiva de la fábrica de módulos fotovoltaicos en Asturias. Este mismo año 2024 está previsto la puesta en marcha de la primera gran fábrica de paneles solares en España".
Extremadura e Galicia son as grandes prexudicadas no impacto socioeconómico xerado por Iberdola, ocupan o segundo e cuarto lugar en xeración enerxía en cambio son a sétima e novena no impacto socioeconómico. Iso tan escoitado, sobre todo agora cando poñen os eólicos, de que son para crear riqueza non hai máis que ver o impacto en Extremadura e Galicia. Riqueza si, de economía de enclave, nós producimos e o beneficio pero vai para fóra.
Todos estes datos fanme lembrar a primeira toma de posesión de Feijóo como presidente da Xunta de Galicia, en abril de 2009, cando diante de M. Rajoy e Manuel Chaves pegoulle unha gran aperta a un invitado de honra, para el, o señor Ignacio Sánchez Galán presidente de Iberdrola. Era significativa a súa presenza, a chegada de Feijóo á Xunta ía ser o punto final do Concurso Eólico do bipartito, deseñado polo BNG. Feijóo anulou o concurso. A anulación foi recorrida e o Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia onde se lle daba a razón ao bipartito e se lle quitaba á Xunta presidida por Feijóo. Os tribunais deron a razón ao bipartito (tarde). O mal xa estaba feito e o atraso nos eólicos foi importante, sobre todo aos de capital galego e/ou cooperativo que non volveron a optar a ningún parque. Sempre pensei que a presenza de Sánchez Galán ía ser para beneficio de Galicia (e tamén de Iberdrola, que non son parvo). Mais visto o visto, e comparando co datos doutras CCAA, estaba errado. Agora vexo que o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, segue o mesmo camiño que Feijóo. A defensa desta multinacional non a ocultan, máis o beneficio para o país é escaso. O máis imcomprensible é o interese da Xunta en defender parques eólico en lugares onde non debería haber ningún, a cambio de nada. Entre outros o parque eólico que pretende facer Iberdrola en Padrón, xusto enriba do Castro Valente que tanto teño percorrido e que había que poñer en valor. Explícao moi ben o historiador Manuel Gago en https://www.manuelgago.org/blog/2009/02/08/o-castro-valente-e-os-castelos-baleiros/. Non habería outro sitio? Para a Xunta, antes con Feijóo, e agora de Rueda parece que non.
Cando eu ía ao instituto contábase un conto sobre as hienas. A pregunta, e resposta, implícita, no mesmo enunciado, era a seguinte: "Si viven no quinto carallo, si comen carne podre e en descomposición e só teñen unha relación sexual ao ano, de que se rin as hienas?". Busquei no dicionario da RAG o significado de hiena: s.f. 1. Mamífero da orde dos carnívoros, de pelame gris con manchas ou raias escuras, cunha crina no lombo, que se alimenta sobre todo de animais mortos e do cal existen varias especies. 2. Persoa cruel e desprezable. Porén a RAG non di nada da risa do bicho.
Repasados os datos, o sentimento que teño de Rueda e Feijóo é que son coma as hienas do conto. Non sei o motivos de tanta aperta efusiva, ou de defensa numantina da multinacional. O resultado é o que é, nefasto para Galicia. Mesmo Asturias, cun presidente socialista, conseguiu que fagan alí unha planta de fabricación de paneis solares. Aquí imos bailando ao son da música que marcan.
Feijóo co seu comportamento antes como presidente da Xunta de Galicia e agora como xefe da oposición en España está acadando, si non o acadou xa, o punto 2 da definición de hiena na RAG. Señor Rueda abandone o camiño que leva de hiena, o País non merece tanto desleixo.