José Enrique Abalo
A trampa oculta da resiliencia
A palabra "resiliencia" converteuse nun mantra moderno. En esencia, a resiliencia refírese á capacidade de adaptación e recuperación das dificultades. Isto parece moi desexable, como estratexia psicolóxica, pois trátase de traballar sobre un mesmo para poder superar eventos traumáticos: a morte dun ser querido, desastres naturais, enfermidades incurables ou outros acontecementos traumáticos de carácter irreversible.
Non obstante cando o termo “resiliencia” se utiliza para fomentar a aceptación pasiva ante condicións sociais, políticas ou económicas inxustas e opresivas, convértese nunha ferramenta de control social. Neste sentido, o filósofo italiano Diego Fusaro, no seu libro " Odio a Resiliencia” critica duramente este concepto, expón que é instrumentalizado como estratexia de dominación polo poder. A resiliencia convértese, neste caso, nun mecanismo para manter o status quo, eximindo ás institucións e estruturas de poder da súa responsabilidade na creación e perpetuación das devanditas adversidades.
Dalgunha maneira estase pedindo, por exemplo, que os traballadores sexan resilientes e acepten condicións laborais precarias, con longas xornadas, escasa protección social e falta de estabilidade sen queixarse, que as persoas vulnerables ou pobres soporten con estoicismo a falta de servizos esenciais e a discriminación, que as mulleres que sofren violencia doméstica sexan resistentes e soporten o maltrato en silencio. Esta perspectiva non só perpetúa a desigualdade, senón que tamén deshumaniza aos máis afectados, ignorando as súas necesidades e dereitos básicos.
Este enfoque da resiliencia anímanos a aceptar as dificultades e o sufrimento como inevitables e promove unha actitude pasiva e conformista ante a inxustiza, ensinándonos a “aguantar” en lugar de “loitar”, a “adaptarse” en lugar de “resistir”, a “sobrevivir" en lugar de "vivir con dignidade”.
Incluso, esta perspectiva da “resiliencia” atópase, en moitas ocasións, presente no ensino da intelixencia emocional nos centros educativos. Así, se ben nun principio o desenvolvemento da intelixencia emocional se impulsou como unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento persoal e social do alumnado. Nalgunhas ocasións, este concepto ensínase cun enfoque limitado, centrado exclusivamente na capacidade de asumir, resistir e aceptar situacións adversas sen cuestionalas. Esta concepción pode converter a intelixencia emocional nunha poderosa arma de control social, distorsionando o seu propósito orixinal e deshumanizando aos individuos.
Cando o ensino da intelixencia emocional se reduce a capacitar aos estudiantes, para que sexan competentes para xestionar as súas emocións de forma que se conformen coa súa realidade, en lugar de capacitalos para identificar e enfrontarse ás causas do seu malestar, estase intentando que interioricen a idea de que os seus problemas son individuais e deben ser soportados en silencio, en lugar de entendelos como parte de problemas estruturais máis amplos que deben ser abordados colectivamente.
A frustración, a rabia e a tristeza, na súa xusta medida, son respostas naturais a condicións inxustas e poden ser catalizadores de acción e transformación. Porén, se ensinamos ao alumnado a suprimir estas emocións e a resignarse ás circunstancias, quítaselles unha parte fundamental; a súa capacidade crítica.
A educación emocional tería que centrarse no desenvolvemento dunha comprensión crítica do medio social e no fomento de habilidades para a acción colectiva. Debería animar aos estudantes a recoñecer e cuestionar as inxustizas, e a utilizar as súas emocións como motores de cambio. En lugar de aprender a aceptar pasivamente, deben descubrir como canalizar as súas emocións cara a defender os seus dereitos e mellorar as súas condicións de vida.
Algunhas ideas para conseguir isto?
- Promovendo o empoderamento comunitario mediante a organización de grupos de discusión e acción arredor dos problemas locais.
- Fomentando o activismo estudiantil, utilizando a intelixencia emocional para mobilizar apoios e construír coalicións.
- Actuando como mediadores en conflitos escolares relacionados co acoso escolar ou a discriminación.
- … .
En definitiva, en lugar de conformarnos con “superar” individualmente as adversidades, debemos loitar colectivamente por transformar as estruturas que as xeran e construír unha sociedade máis xusta e equitativa.