Pedro J. Peón Estévez
Nos vamos a dar donde más nos huele III
Este último sábado (13-07-2024)— fun á minha praia predilecta de Marín. Foi un día excelente; o clima, a calidade e limpeza da area, a auga, a comida…Non había moita xente pois a minha praia favorita nunca estivo nin está de moda, cousa que é de agardecar. Voltamos polo corredor das praias (VG4.4)a fin de evitar o funil de Marín e, na rotonda de Cocheras, acadamos Pontevedra polo vial PO 11 que leva ó Marco, e alí alguén abriu a ventaínha de socate e por ela entrou unha bafarada pestilente. Estaba un día soleado e a brisa de mar vinha acompanhada do fedor característico de Ence que esta espalha "urbi et orbi" trinta e dous anos e medio despois da tan pregoada campanha "EL 9-02-92 NOS VAMOS A DAR DONDE MÁS NOS HUELE". Non pasa nada; só é unha das moitas mintiras que Ence propaga ó longo de seis décadas. Isto non é nada novo en Ence e a súa área de influencia ( de pestilencia para entendérmonos )
Ese tufo é o primeiro que notan os visitantes tan logo se achegan a Pontevedra. Os oriundos xa estamos afeitos, por iso non notamos nada. Da gloria escoitar ós Pitivís dicir con candor: "celulosas ya no huele". E non é que xa non cheire; é que os que aquí vivimos contraemos problemas olfativos chamados APOSMIA e ANOSMIA ou "fatiga olfativa". Estes conceptos xa foron tratados neste mesmo medio o 11-06-2019.
Pero todo fica baixo control. Lemos que o Concelho vai instalar seis medidores de calidade do aire (que segundo Ence é excelente, faltaría máis) no ámbito urbano, mentres o rural segue a ser o parente pobre.
Para medidor eficiente, aquel caixón de lata que instalaran próxima á nave de Raimundo Vázquez que rematou apodrecendo no medio dunha silveira a carón da estrada PO 546. Co tempo foi substituído por outro máis moderno con pantalha luminosa e todo pero pouco durou pois, en vista da extraordinaria pureza do aire, carecía de razón de ser. Daquela, alguén lhe compuxera uns versículos.
O CAIXÓN DE LATA
No lugar de Pontemuínhos
trala curva de Raimundo
fica un cachifalho inmundo
da estrada á mesma beira.
Non é doado de atopar
coma o fósil soterrado
pois está ben camuflado
entre unha matogueira
Sabe alguén para que serve ?
é un cortelho abandoado
ou portátil escusado
o devandito caixón ?
Segundo reza un cartel,
a patética chabola
seica é algo que controla
toda a contaminación.
Ten un mastro apodrecido
desde hai máis de vinte anos
con trebelhos avariados
que dan mágoa e tamén noxo.
Cando un técnico ali vai
na man leva, por se acaso,
para poder abrir paso,
un bo foucinho do toxo.
Afundido entre as silveiras
con cascados aparatos,
que información nin que datos
pode recolher a arca ?
Pois por raro que pareza,
esa é toda a proteción
que pon a administración
para toda unha comarca.
Os cloros e mercaptanos,
as sosas mailos ácidos
van revoando, plácidos
arredor daquel arcón.
Gloria da ver como bailan
as pantasmas gaseosas
de elnosas e celulosas
Gargalhando a cachón.
Ante o caixón do escarnio
entran ganas de chorar,
tan só nos queda agardar
que o ceo nos axude
mentres lemos que a Xunta,
con sarcasmo, alí pintou:
"Coida de min porque estou
protexendo a túa saúde".
Só o fedor da celulosa de Cacia, que leva 70 anos asolando á fermosa lagoa de Aveiro se pode comparar ó de Pontevedra, nótase ben que a daquí é unha copia da portuguesa.