Marta Rodríguez Engroba
Agora un minuto de silencio, lavado de imaxe, e a outra cousa
Unha muller foi salvaxe, e "presuntamente", faltaría máis!, asasinada a golpes e coiteladas, pola súa parella en Buñol (Valencia).
É a vítima mortal número 22 no que vai de ano, e a sétima, xunto con dous menores, en menos de dúas semanas.
Neste último, por agora, asasinato si existía denuncia, non soamente por parte da muller falecida, se non tamén da ex parella do home, que foi quen deu a voz de alarma despois de que este a chamara para confesarlle o que acababa de facer.
Ambos, vítima e asasino, estaban incluídos no sistema VioGén, de "seguimento" a ambos (se isto non é unha burla, desde logo aseméllase moito), pero non se ditara ningunha medida de protección.
É de supoñer que, como sempre que sucede algo semellante, non faltarán as voces que se elevarán culpando a xustiza e, por suposto, ao xuíz que non ditou esas medidas.
Do que non se vai falar, iso seguro, é do verdadeiro motivo que, case con toda probabilidade, provocou que isto sucedera, como xa ten ocorrido en tantas e tantas tráxicas ocasións, e que, por desgraza, os que tratamos acotío coas vítimas, coñecemos ben.
É obvio que o sistema VioGén volveu fallar dun xeito estrepitoso, algo que pasa cada vez con maior frecuencia, malia o cal ninguén con competencias o pon en dúbida, todo o contrario, nin se plantean revisalo, por mais que o regueiro de cadáveres de mulleres que vai deixando non para de medrar.
É evidente, así mesmo, que, segundo este test "infalible", o risco que corría esta muller era baixo, o que, unido ao atestado policial, fixo que o xuíz non considerara preciso impoñer ningunha medida de protección.
Por outra banda, unha vez máis queda en evidencia a absoluta desprotección á que están expostas estas mulleres unha vez que denuncian, e que se continúa silenciando, pese a que é de sobra sabido o que sucede.
Ningún xuíz pode decretar unhas medidas de protección se, desde os CFSE (Corpos e Forzas de Seguridade do Estado) non se lle aportan probas, por moito que, talvez, no seu foro interno estean a pensar todo o contrario e mesmo se sintan impotentes porque a propia lei os limita.
Culpar os xuíces, á xustiza, así, en abstracto, é o mais doado e o mellor xeito de tentar poñer o foco na inxustificable realidade.
O máis tráxico de todo, o que non ten perdón, é que, malia estar a orixe do problema perfectamente identificada, non se fai nada por remedialo.
Convócanse Comités de Crise, dilapídanse miles e miles de euros en "estudios" que, obviamente de nada serven e que poderían ser investidos noutros recursos moito máis urxentes, en campañas que, por si soas, son totalmente inútiles, pero ninguén semella a estar disposto a abordar a auténtica raíz do problema.
Temos, por poñer un símil que talvez non sexa moi adoitado, pero que define perfectamente a situación, as enfermas de gravidade, temos a menciña que, tal vez non as curase ao cen por cen, pero que, sen dúbida, melloraría notablemente o seu estado, pero, sinxelamente, non se lles dá e deixámolas morrer.
A alguén lle soan os termos "negación de auxilio"? Pois dito queda todo.
Agora é a quenda do máis noxento deste circo ao que chaman "loita contra a violencia de xénero": A manifestación de repulsa, o minuto de siliencio , ao que non dubidarán en engadirse os cómplices do asasino, porque, quen podendo evitar o delito, ou, alomenos, tentalo, non o fai, é cómplice, nin máis, nin menos, e con máis motivo se, coma neste caso, e en tantos máis, é a súa obriga, unha obriga que non cumpriron, e, unha vez feito este macabro e repulsivo teatro, a correr o máis rápidamente a consabida cortina de fume, algo que non resulta para nada difícil, porque está totalmente normalizado é aceptado.
Non obstante, e nunha mostra da farsa que se nos está a vender, algúns medios publican, e citamos textualmente:
"En un mensaje en redes sociales, el Ayuntamiento ha expresado su apoyo a las fuerzas de seguridad y ha condenado la violencia de género".
Queda claro, non si? Nin se tomaron medidas ao respecto, nin está previsto que se faga, todo o contrario, o apoio máis absoluto a quen axudou a que unha muller máis fora asasinada.