Margariña Valderrama Currás
Que imos facer sen Xabi?
Non puiden cumprir a ilusión que tiña de ir a presenciar o peche da tempada da Noite en 24 horas, a ameaza de chuvia que non estaba invitada, e un novo catarro impertinente impedírono. Ben que o sentín, estaría na Praza da Ferrería como un incha do Madrid ou como unha swifties máis para ver o espectáculo, pero sobre todo para felicitar e darlle a nora boa a Xabier Fortes polo seu programa e polo récord de audiencia.
Non foi posible, pero non me despeguei da pantalla ata o final, como tódolos días de luns a xoves. Teño que confesar que é o único programa que cando sona o teléfono, contesto que non podo atender porque estou con Xabi, o que chama ao pensar que estou co meu irmán envíanlle bicos e colga axiña.
Non podía ser outro marco no que se desenvolvese o programa de onte, os cámaras presentaron ao mundo o noso cuarto de estar, que sempre foi para min o Foro, magoa que non o usemos como tal en debates públicos e cotiás como teño visto en outras cidades.
Os cámaras encargáronse de mostrar ao mundo o corazón social da nosa cidade magnificamente e, conforme a luz ía caendo, os encadres eran máis fermosos. Grazas tamén a eles e a todos o que fixeron posible este regalo para os pontevedreses e para o mundo.
É imprescindible recoñecer o mérito de Xabier Fortes como director e presentador do programa, así como o acerto de formar un equipo ao seu redor que consolidou o programa xa hai 15 anos e cun ascenso constante de audiencia. Todo iso coa normalidade e a elegancia que lle caracteriza no medio dun mundo ruidoso, turbio e ás veces sen rumbo que adoita ser demasiado frecuente. Gran acerto da televisión pública e nun canal que ten como obxectivo fundamental a información continua. Todo isto non é casualidade, é o produto dun traballo serio e teimudo.
O programa engancha por moitas razóns: é actual, ameno, variado, e cunhas calidades comunicativas de Xabier que lle permiten abordar a entrevistados de múltiples cores e actitudes. É cariñoso con medida, paciente, comprensivo, incisivo cando ten que ser, ten humor, ironía, e sobre todo didáctico e coñecedor da historia (de casta lle ven ao galgo) que con calquera motivo a trae a escena e faina presente de forma transversal en moitos dos programas.
Sabe rodease de xornalistas, de colaboradores que poñen en primeiro plano a actualidade do país e do mundo que nos afecta, e faino cun respecto as diferentes posturas que case me atrevo a dicir e inhabitual, e sen berros, gardando as quendas, sen atropelos. Unha milagre.
Non podo esquecer o seu saber ser, estar e entender as diferentes realidades de cada personaxe invitado, a súa empatía e me atrevo a dicir que simpatía e respecto. Lembro a entrevista marabillosa a José Luís Gómez, actor e director; ao comezo angustioume un pouco, pero conforme discorría íase establecendo unha comunicación, comprensión e unión entre os dous que tiven que frear a miña emoción, ata os silencios eran elocuentes.
Con outros entrevistados era diferente, a cada un segundo o que merecían posto que nin entendían, nin querían entender que era o entrevistador quen levaba a batuta, e facía estivese alí como personaxe.
Cando o que se sentaba ante Xabi era coñecido se me ocorrían miles de matices e preguntas que facer, se ademais estiven presente dalgunha maneira do que se falaba, lembraba tempos, ilusións e entrega de aqueles que tivemos a sorte de estar alí, como na entrevista a Antonio Santesmases. A admiración, se cabe, ía en aumento cando o entrevistado, home ou muller, non deixaba meter baza, e o noso Xabi como si nada ocorrese , seguía firme, respectando sen perder o seu papel.
O que o imos votar de menos eses 199.000 espectadores. Que faremos os jabities sen Xabi? A min o programa deume a resposta: ponte a ler os libros recomendados e que non te deu tempo a ler, e que serán como os outros garantía de éxito e aprendizaxe. E a desfrutar que o tempo pasa máis rápido do que quixeramos