![Andrés Núñez Rajoy](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/aa1/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/6441659426-foto_anr.jpg)
Andrés Núñez Rajoy
Vive La France
Funcionou o "cordon sanitaire" francés. Funcionou o republicanismo. Gañaron as e os demócratas. Agora comeza o traballo para facer as cousas ben. O, reelexido, deputado François Ruffin do Nouveau Front populaire (NFP) dixo o domingo pola noite: "Les électeurs nous laissent une dernière chance" (os electores déixannos unha segunda oportunidade). O traballo ten que comezar agora. A tradición francesa di que o presidente ten que elixir o primeiro ministro da forza máis votada. Vai haber "cohabitación". Nesta V República houbo tres cohabitacións. A primeira con François Mitterrand (PS) tivo a Jacques Chirac (RPR) como primeiro ministro (1986-1988). A segunda no segundo mandato François Mitterrand con Eduard Balladur (RPR) (1993-1995). E a terceira, e a máis longa, con Jacques Chirac (RPR) como presidente e Lionel Jospin (PS) primeiro ministro (1997-2002). Na Constitución Francesa está bastante claro o papel de cada un, por unha banda o Primeiro Ministro dirixirá a acción do Goberno garantindo a aplicación das leis e, determinará e dirixirá a política da nación, sendo responsable da defensa nacional. Na cohabitación o poder vai a estar baseado na relación que teña o Primeiro Ministro e a Asamblea Nacional. O poder do Presidente ten un papel secundario, aínda que "de facto" pode ser oposición. Hai que negociar quen vai ser Primeiro ou Primeira Ministra
Detalle de pantallazo, feito polo autor, de resultados da paxina web de Le Monde (08/07/2024)
Co apertón aínda no corpo, dos medos acumulados, hai que reflexionar. As cousas non son fáciles. Por iso me gustou a frase de François Ruffin. O cordón sanitario funcionou porque os demócratas actuaron ben. Por unha banda a xenerosidade demócrata retirou candidaturas que quedaran en terceiro lugar, así a coalición Nouveau Front populaire (NFP) retirou 130 candidaturas e o partido de Macron, Ensemble, retirou 82, e a dereita conservadora demócrata retirou 2. Por outra banda a composición do grupo do Nouveau Front populaire (NFP) é moi complexa. A correlación de forzas dentro da coalición dálle a La France Insumise (LFI), de JL Melechon, 71 deputados, ao Partido Socialista (PS) 63, aos Ecoloxistas 32 e ao Partido Comunista (PCF) 12 deputados. Na noite do domingo escoitei a JL Mélenchon. Soltou unha morea de tópicos de máximos. Ao mesmo tempo compañeiros de coalición como son os Ecoloxístas din que teñen que entenderse, que hai que falar e gobernar todos xuntos. Os macronistas fanlle chiscos de ollo aos socialistas, estes polo de agora aínda non falan (agardan a Hollande?). Pode haber cohabitación dentro da cohabitación? Deberían chegar a un acordo de programa de mínimos sobre todo polo que representan, Nouveau Front populaire (NFP) 182 deputados e Ensemble 168 deputados, necesítanse. Ao igual que pasaba no Estado Español en Francia non hai cultura política de coalición de goberno. Hai aprender facendo. Hai que saber xestionar acordos imposibles entre diferentes.
O que non se pode é pensar que todo está feito. O Rassemblement national (RN) case duplica os escanos con 142 deputados e máis de 10 millóns de votos. Marine Le Pen xa o deixou claro o seu camiño é seguir medrando cara o 2027. Esta derrota da extrema dereita como di François Ruffin é unha segunda oportunidade. Francia ten moitos deberes pendientes como a transición ecolóxica, a idade de xubilación, a política sobre Oriente Medio, a vivenda, a Axenda 2030 e moitos máis. Destes o máis salientable é atallar os problemas da "banlieue", os suburbios que se mobilizaron moito. A chamada ao voto de Kylian Mbappé e outros xogadores nacidos na "bandelieue" tivo moita influencia. Mais os problemas alí seguen sendo os mesmos, vivendas en peor estado, servizos públicos e transporte deficientes, e sobre todo un mal trato da policía á xente racializada (subsaharianos e magrebís). O alcalde Trappes, Ali Rabeh dicía que estes barrios eran "bombas de reloxería" e que podían estoupar. Foi o que pasou en xuño do ano pasado coa morte do rapaz de 17 anos Nahhel M que morreu por un disparo da policía o que provocou disturbios por toda Francia, nomeadamente nos "banlieue".
Mentres tanto aquí, o noso, Feijóo non aprende nada. Non entende o que é un cordón sanitario. Non se decata como funcionan os verdadeiros demócratas defensores das liberdades: non pactando coa extrema dereita. Cando Europa comeza a tirar para diante o PP quere, na mellor tradición de Vox, que a Marina Española non deixe saír aos "caiucos" das súas praias e portos. Vexo ao enfadado permanente e ignorante da legalidade, Tellado, invadindo Mauritania ou o Senegal. Se non fora porque están xogando con lume sería para botarse a rir. A dereita española empeza a non ter posibilidade de arranxo, van a tal velocidade cara adiante, polo camiño de Vox, que cando queiran mirar para atrás igual se converten en estatuas de sal, como Edith a esposa de Lot.
Aínda así e todo os demócratas sempre defenderemos a Liberté, Égalité e Fraternité. Parabéns á cidadanía demócrata francesa de dereita, centro e esquerda pola lección dada. Vive la France. Vive La République.