![Asociación Si, hai saída](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/fe9/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/610a220458-si-hai-saida.jpg)
Asociación Si, hai saída
Condena os asasinatos machistas da fin de semana e a utilización política que se está a facer deles
Desde a Asociación Si, hai saída condenamos os asasinatos machistas da pasada fin de semana, catro mulleres e dous menores e, con igual contundencia e rotundidade, ou maior aínda se cabe, a utilización política que deles se está a facer, convertendo esta masacre nunha especie de competición para ser os primeiros en saír na foto manifestando a súa "consternación" e "repulsa", coma sempre, a posteriori.
Unha vez máis lles recordamos que a loita contra a violencia de xénero comeza traballando na prevención dela, e na procura de que as vítimas e os seus fillos sexan protexidos como teñen todo o dereito, e para iso, polo primeiro que compre comezar é por chamarlle as cousas polo seu nome, e enfrontarse a elas, dando a cara cando, onde, e ante quen sexa preciso, algo que, obviamente, non se está a facer.
Unha vez máis, coma cada ano, lles preguntamos aos políticos:
Teñen Vds. a máis lixeira idea de como é o funcionamento da UFAM (Unidade de Familia e Axuda a Muller), de canto persoal especializado dispón, durante o verán, o mesmo que no resto de períodos vacacionais , pontes e festivos de todo o ano?
De cantos axentes dispoñen nestas datas, que son, precisamente, cando máis risco corren as vítimas ,e, porén, cando maior protección precisan se é que dispoñen dalgún?
Teñen Vds. algún interese en sabelo?
En poucos días, haberá unha longa ponte, e o mesmo sucederá no mes de agosto, nas que sumarán un total , nada mais nin nada menos que 8 días, nos que a UFAM ficará baleira, co evidente perigo que, para as vítimas, para os seus fillos e fillas, isto implica.
Non esquezamos que, como, lamentablemente, xa sucedeu noutras moitas ocasións, alomenos nun dos asasinatos cometidos nesta fin de semana si existían denuncias e mesmo unha orde de afastamento.
Unha vez máis se pode comprobar a total ineficacia destas medidas se non se fai o seguimento adoitado, cos tráxicos resultados que xa coñecemos, aos que se engade unha consecuencia máis: A sensación de impunidade dos potenciais asasinos, fundamental a hora de pensar en delinquir.
De nada serven cantos Comités de Crise se convoquen, nin cantos miles e miles de euros se destinen a "estudos", campañas e accións cuxa ineficacia está máis que demostrada, como menos serven aínda os minutos de silencio, nin as manifestacións de repulsa que xa a ninguén convencen, malia que por diversos intereses se finxa o contrario.
Son, sinxela e hipócritamente, medidas "cosméticas", maquillaxe da realidade, que, coma todo maquillaxe, por moi bo que sexa, acaba por quebrarse.
O primeiro e fundamental chanzo para calquera loita é abordar o problema desde a súa raíz.
Do contrario, canto se constrúa, son castelos de area, por moi fermosos que sexan e por moi bos materiais que se empreguen.
Para rematar, non queremos deixar de mencionar a conveniencia de estudar tomar medidas acerca das persoas (familiares, veciños, amigos...) que, malia coñecer a situación, non fixeron nada ao respecto, pero non teñen problema algún en manifestarse diante de cámaras e micrófonos, incorrendo nun claro delito de omisión de socorro, que, ata onde sabemos, nunca tivo consecuencias.
É moi triste, pero, cando a conciencia non existe, non queda máis opción que actuar en consecuencia, máxime se isto supón poder salvar vidas.