Marta Rodríguez Engroba
Unha vez máis a pregunta é: como demostralo?
Foi unha decisión unánime, tomada na Sala do Penal, polo que, a partir de agora, será considerada outra forma de agresión sexual.
Queda por decidir a pena a impoñer por tal delito, acerca do cal existe unha escasa xurisprudencia, xa que cinco maxistrados entenden que debería ser imposta a pena propia dunha penetración sen consentimento, en tanto que o resto no se pronunciou aínda respecto a este punto.
Evidentemente, esta é unha boa nova, xa que as secuelas ou risco que implica o "stealthing", non se limitan a máis obvia, que é o embarazo non desexado, se non que tamén nos atopamos coas enfermidades de transmisión sexual, claramente a alza, e mesmo secuelas psicolóxicas.
Sexa como sexa, reitero, trátase dunha boa nova, xa que, por desgraza, esta práctica está moito máis normalizada do que se puidera chegar a pensar, e non soamente por tantos "Macho men" que circulan por aí, que se gaban de levala a cabo, e non unicamente porque son tan "homes" que o consideran unha fazaña da que teñen que xactarse, se non porque, como son, como xa dixen, tan "machos", non son quen, polo visto, de sentir nada se utilizan o preservativo, senón tamén por moitas rapazas que a permiten, ben porque acaban por asumir que é así, que os seus "Romeos" non senten pracer con esa "tremenda barreira", e isto sucede con demasiada frecuencia, chegando a "entender" que o quiten durante a relación, ou porque, de decatarse e ousar poñer obxeccións, as ameazan con deixalas, polo que ceden a presión, aínda temendo as posibles consecuencias e sentindo que foron obxecto dunha agresión sexual en toda regra.
Ata aquí todo claro, pero, poñámonos no suposto de que unha vítima de "stealthing" se decide a denunciar.
Que pensades que vai suceder cando chegue a Comisaría con esa intención?
O primeiro que lle van preguntar é se pode demostralo, xa que, obviamente, as versións de ambos non van coincidir, por máis evidencias físicas que existan de ter mantido relacións sexuais.
Que probas vai presentar? Como demostra que ese preservativo foi retirado durante a relación sen consentimento? Ou que directamente non existiu en ningún momento porque ambos membros da parella así o decidiron?
Non esquezamos que estamos a falar dun delito que se comete, agás, supoño, algunha rarísima excepción, na máis estrita intimidade, polo que sempre vai ser a palabra dun membro da parella contra a doutro.
Como se demostra que, aínda no caso de que o home admita non ter posto o preservativo, esta circunstancia foi como consecuencia dun arrebato e que ningún dos dous se parou a considerar tal circunstancia?
Realmente alguén pensa que esa denuncia, e isto poñéndonos no mellor dos escenarios, de que sexa recollida, vai ter percorrido?
Creo que todos sabemos a resposta.
É, o máis triste é que, realmente, é así. Non se pode demostrar.
É máis, estou segura de que, en máis dunha ocasión, se unha vítima de stealthing se decide a denunciar, a tortilla vai dar a volta na súa contra, e será o propio agresor quen tal vez acabe por pasar de agresor a prexudicado alegando que é unha vinganza por, por exemplo, non querer seguir adiante con esa relación, que o que a súa vítima busca realmente e unha indemnización... en fin, eses argumentos que todos coñecemos e que, por desgraza, non se poden botar por terra de xeito categórico porque non hai testemuñas que avalen que non está a ser así.
Ditar leis desde un despacho é, e con todo respecto o digo, relativamente fácil, pero levalas a practica, que teñan percorrido... esa xa é outra cuestión.
O que queda claro é que, guste ou non admitilo, estamos nas mans de moitos que van mais que sobrados en canto a coñecementos teóricos,que poden ser mesmo brillantes, pero que, se tiveran que pasar un exame acerca do que acontece na rúa, na vida real, unha nada desdeñable maioría suspendería de xeito estrepitoso.
Unha vez máis, non queda claro como demostrar este delito.
De feito, é practicamente imposible facelo, a menos que cada vez que manteñamos relacións sexuais o fagamos diante de testemuñas polo que poida pasar, ou que o fagamos acompañados dun notario que levante acta... do acto!
E desculpade a ironía, pero é que non se me ocorre outro xeito de demostrar a verdade.
Teño que admitir, iso si, que se algo está ben pensado en canto a este novo delito é precisamente o nome, porque é cometido con todo sixilo.
En definitiva, temos un novo delito tipificado... e pouco mais, porque demostralo, nos guste ou non admitilo, é fariña doutro costal.