Manuel Pérez Lourido
Música e caralladas
Deixemos algo claro dende o principio: todo o mundo ten dereito a gozar do tipo de música que considere, e ata diría que tamén a considerar como música calquera combinación de sons, sexa máis ou menos acertada a escolla dos mesmos. Barra libre, vaia.
Outra cousa son as caralladas. As caralladas son as músicas perpetradas polos solistas zoupóns, os instrumentistas zoupóns e gravadas por produtores zoupóns. Pensará alguén: e isto ten que ver con algún certame musical de recente celebración? Non lle podo dicir porque non o vin.
Falo moito de música con distintos grupos de amigos, por iso de que temos tendencia a asociarnos con xente coa que compartimos afeccións. Falamos tamén de parvadas. Hai pouco, chegamos a unha conclusión que nos fixo máis humildes e polo tanto máis sabios e mellores: hai certa música que escoitabamos na nosa xuventude e clasificabamos como carallada que o devalo do tempo levounos, no só a apreciar, senón a gozar. Puxemos por exemplo o feito por Las Grecas. A día de hoxe somos quen de valorar a súa aposta pola transformación do flamenco empregando ritmos máis actuais e sonoridades pop. E pareceunos imprescindible reivindicar o seu descaro na dicción e, sobre todo, evitar que se vexan reducidas a unha broma que fai referencia ao consumo de substancias recreativas ("poñerse ou ficar coma Las Grecas"). Tamén no caso de ABBA tivemos consenso. Pode estar moi claro hoxe en día, pero no seu momento, os gardiáns da ortodoxia rockera, as besta negras de todo o que soara a techno que nós eramos, non podiamos escoitar aos catro suecos sen un aceno de noxo.
Onde xa no puidemos acadar un acordo total foi con Mecano. Eu encabezaba a facción anti-Mecano, proído pola inanidade das súas letras, polos retrousos repetitivos, polo pijerío que enchoupaba a súa música se te parabas un pouco (ou se ficabas quedo). Outros, en cambio, estaban dispostos a poñerlles pena de cárcere ou liberdade baixo fianza: parecíalles moito a pena capital.
En conclusión: coidado coa nosa forma de xulgar as caralladas porque as caralladas de hoxe poden ser as obras mestras de mañá. Ou de pasado mañá.