Tribuna Viva
O matadoiro de Gaza
Nestes momentos a franxa de Gaza estase a converter no campo de concentración máis grande do mundo, a comparación no é esaxerada inda que si paradóxica. Dous millóns de persoas, case a metade nenos, encerrados nunha extensión pouco mais grande que o Morrazo, sen agua, sen luz, sen alimentos, e , o que é peor, sen poder fuxir a ningures. As bombas israelís choven por todos lados e só poden agardar rezando para non ser os próximos. Os nenos preguntan aos seus pais se fixeron algo malo polo que teñan que morrer. Non é unha guerra, é un xenocidio; nunha guerra a poboación civil pode fuxir a algures, tentar escapar ou marchar para outro lado. Na guerra de Ucraína, por exemplo, millóns de civís fuxiron a zonas máis seguras. En Gaza non, non se pode coller a familia e buscar un lugar mellor, non hai esperanza, acurralados nunha prisión xigante vannos matando pouco a pouco como se foran formigas atrapadas nunha caixa de zapatos; mil, dous mil, cinco mil, dez mil...a metade nenos e nenas.
Podemos imaxinar o día a día desa xente?, en Gaza morren cen nenos cada día. Podemos imaxinar que caia un mísil un dia de mercado e mate a cincocentas persoas? Podemos imaxinar levar os fillos o colexio e que unha bomba mate a familia que estaba diante nosa?. Non, non podemos.
O de Hamás foi unha masacre e unha animalada, pero é un grupo terrorista, pola contra Israel, en principio, é un Estado democrático, pola tanto non estamos ante unha guerra senón ante a eliminación dunha poboación civil por parte dun Estado internacionalmente recoñecido e apoiado. Acaso non é terrorismo cercar dous millóns de persoas e lanzarlle miles de bombas para que vaian morrendo?...mil, dous mil, cinco mil, dez mil...a metade nenas e nenos. Acaso os que están atrapados en Gaza e non simpatizan cos terroristas son tamén culpables?
Como é posible que o as vítimas do holocausto sexan agora os fascistas que están levando a cabo a limpeza étnica doutro pobo? Pois si, os xudeus convertidos en nazis, realmente unha broma macabra da historia que os expertos deberían estudar e ensinar nas escolas.
O obxectivo de Israel é claro; borrar Palestina do mapa con todo o que estea dentro, convertelo en territorio propio e enchelo de asentamentos de ultraortodoxos xudeus, deses que van de negro e coas trenzas, que viven sen televisión e non traballan para poder dedicar todo tempo a estudar os textos sagrados.
Non todo o mundo en Israel pensa igual, tamén hai boa xente claro, ata tiveron un primeiro ministro valente que hai 30 anos firmou uns acordos de paz, pero matárono e aqueles compromisos levounos o vento. Agora teñen o goberno máis ultraconservador da súa historia, que anuncia que a guerra será longa, pero non é unha guerra, é unha masacre.
21 de outubro de 2023
Xesús Framil Barreiro.
Veciño de Bueu