Tribuna Viva
As nosas enfermeiras non poden máis
O colectivo de Enfermeiras é o maior grupo profesional universitario que integra o Sistema Público de Saúde, aínda así, vemos menosprezado o noso traballo a pesar de demostrar un elevado nivel de compromiso coa sociedade aportando coidados de alta calidade asistencial; compromiso que se fixo máis que patente durante a pandemia COVID. Dende hai máis de 20 anos, experimentamos unha perda de poder adquisitivo e unha merma de dereitos e condicións laborais a través das diferentes crises. Na actualidade continuamos mal clasificadas como Grupo A2, cando dende 2007 tra-la aprobación do plan Bolonia, as enfermeiras son Graduadas Universitarias e deben ser Grupo A1.
Unhas condicións retributivas non acordes á considerable responsabilidade, sumada ós contratos precarios e a pouca estabilidade laboral, son incompatibles coa satisfacción e motivación do noso colectivo. Por estes motivos, moitas Enfermeiras marchan do SERGAS, e as que continuamos eiquí sentímonos infravaloradas. Falamos dunha fuga de profesionais que se remonta a máis de 15 anos atrás que inevitablemente desembocou nunha escaseza de persoal de enfermaría nas listas de contratación. Escaseza que atópase enmarcada dentro do empeoramento das condicións laborais e a temporalidade tan elevada que existe hoxe en día na nosa profesión.
A todo isto súmase a pésima xestión dos RRHH que acaece de maneira reiterada dende fai xa moitos anos na nosa Área Sanitaria. Calquera enfermeira que escollas ó azar ensinarache dende incontables contratos de días ou quincenas encadeadas, ata contratos de 1 a 6 meses nos que non dispoñemos ata os derradeiros días do mes das quendas do mes seguinte e, a maioría das veces, non sabemos nin onde traballaremos ó día seguinte. Todo isto fai imposible poder compatibilizar o noso traballo coa nosa vida persoal, sexa cal sexa a nosa situación vital.
O SERGAS leva anos empregando unha política de abuso coas enfermeiras, denegando case sempre de maneira sistemática os días de Libre Disposición e permisos varios, baixo premisas como: "Falta de persoal" e "Necesidades do servizo"; premisas que lles dan carta branca pra facer o que queiran. Existindo un déficit de profesionais, en vez de mellorar as condicións laborais pra atraer a máis compañeiras ó SERGAS, decídese aprobar de maneira unilateral un complemento voluntario mal denominado "xornada complementaria" que condiciona a traballar máis ó noso persoal, xa sobrepasado, fóra da xornada ordinaria, a prezo de saldo.
Este déficit de enfermeiras non repercute unicamente en nós, senón que repercute nos nosos pacientes de maneira tanxible e directa. Todos os anos, especialmente na época estival, péchanse camas nas nosas unidades de hospitalización, o que produce unha sobrecarga de traballo inmensa pra o resto de unidades poñendo en risco, de maneira inevitable, a seguridade do paciente. Falamos de que unha enfermeira de hospitalización pode ter ó seu cargo ata 25 pacientes de diferentes especialidades médicas ou de que unha enfermeira de atención primaria pode ter que asumir a axenda da sua compañeira mentres esta está de vacacións xa que non contratan unha substituta.
Queremos unhas condición dignas de traballo, queremos poder brindar ós nosos pacientes coidados de calidade, e queremos ser recoñecidas como as profesionais que somos.
Colectivo 'Enfermeiras a por Todas'