Marta Rodríguez Engroba
Sumar non suma, mais para poñer vidas nas súas mans, ben vale
Non me vou meter neste tema, nin analizar esta decisión, porque, francamente, non me importa nin o máis mínimo, de non ser por algo que implica e acerca do que si me gustaría reflexionar, xa que deixa totalmente en evidencia a gran mentira que é, e o lixo que rodea, a suposta loita contra a violencia machista neste país, en xeral, pero, particularmente, entre as instancias políticas.
Está claro que a Sra. Montero non está a vivir o seu mellor momento político, algo que ela mesma, moi eficazmente axudada, iso si, polas súas fieis escudeiras, provocou.
A súa prepotencia, a súa soberbia, o seu eterno xesto de desdén contra todo aquel ou aquela que ouse discrepar das súas sentencias, porque ela non opina, ela sentenza, así como a nula capacidade de autocrítica que amosa, que a fai incapaz de asumir os seus erros, e a indecente ostentación de poder coa que nos agasalla continuamente, que a leva, entre outras cousas, a lapidar miles e miles de euros do seu Ministerio coma se non houbese un mañá, non a converten, desde logo, na compañeira de viaxe ideal para un novo proxecto político que, obviamente, como non podería ser doutro xeito, aposta a cabalo gañador.
E a isto, por suposto, hai que engadirlle o máis grave, a súa nefasta xestión do Ministerio de Igualdade, da cal temos a tráxica e sanguenta testemuña do número de mulleres, nenas e nenos vítimas da violencia machista desde que ela está a fronte, e que semella que tanto lle ten, agás, por suposto, que sexan casos mediáticos, a cuxo carro non dubida en subirse a fume de carozo, secundada polas súas "elixidas", que, pola conta que lles trae, queren termar ben do choio que lles tocou en sorte, polo que hai que bailar ao son que toque a xefa, que, por outra banda, lles encanta, porque nunca noutra igual se viron, sen molestarse, por suposto, en contrastar a veracidade, as veces algo máis que dubidosa, do que e de quen está a defender e a presentar coma exemplo, sen importarlles para nada o dano que están a facer á sociedade en xeral, e, en particular, á mocidade.
E aquí é onde quería eu ir parar.
A Sra. Díaz é, ademais de enormemente ambiciosa, moi intelixente, e, porén, perfectamente consciente de que a presenza de Irene Montero nas súas filas é calquera cousa agás recomendable se quere acadar os seu obxectivo e non verse na obriga de mudar o nome do seu proxecto, Sumar, polo contrario, Restar.
Outro tanto se pode dicir de Podemos, que aprezarán e valorarán moito a Irene Montero, non digo eu que non, pero tampouco tanto como para poñer en risco despachos e cadeiras.
Está claro que, a dia de hoxe, a Sra. Montero cotiza á baixa.
Agora ben, malia isto, a ninguén semella preocuparlle que esta señora, que se está a afogar na súa propia desmedida ambición, continúe tendo nas súas mans as vidas de tantas mulleres, de tantas nenas e nenos.
Nin sequera o feito innegable e perfectamente constatable do imparable ascenso da violencia de xénero desde que ela tomou as rendas do Ministerio de Igualdade, que dá auténticos arrepíos, fai que ninguén, desde o Goberno, tome medidas, asuma, dunha vez, que isto hai que paralo, que esta sangría de mulleres e menores non pode continuar.
Dito doutro xeito: é mais importante un proxecto político que as vidas humanas, polo que é imprescindible afastar a Sra. Montero do primeiro, pero tanto ten que siga vendo impasible, como os asasinatos machistas se suceden, cómodamente instalada no seu papel de nova rica xogando a política, vendo tranquilamente a vida pasar, pero non os cadáveres que vai deixando no camiño.
Esta é a auténtica "loita" contra a violencia machista que se está a facer en España, a verdadeira importancia que se lle dá, a "concienciación" que existe por parte dun gran sector da sociedade, pero, sobre todo, desde o eido político, no que non lles importa para nada agás para utilizala ao seu antollo e sen escrúpulo ningún para acadar os seus fins, para sacarlle todo o rendemento posible, porque, malia todo, a causa vende, e, como bos comerciantes que son,
En menos de dúas semanas comezará o período vacacional, co que isto implica, e do que, desde Si, hai saída levamos anos e anos alertando.
Máis horas de convivencia, intercambio de menores, desprotección case total das vítimas por mor das vacacións, cero medidas de prevención... a habitual repunta de violencia de xénero está asegurada, pero se ningún ano se nos escoitou, este aínda menos, coas eleccións aá porta, mais esta non é unha cuestión que preocupe á Sra. Díaz, nin á Sra. Montero, nin á inmensa maioría dos políticos.
Ah, perdón, rectifico!, sobre isto si que se pronunciou o Ministerio de Igualdade, concretamente a Delegada de Violencia de Xénero, Victoria Rosell, que dixo que os factores que acabo de citar tal vez influíran en que a violencia de xénero aumentase, que tiñan que estudalo, porque aínda non o teñen claro!!!
E así estamos en pleno ano 2023 , cunhas cifras arrepiantes en cuestión de violencia de xénero, que non deixa de medrar, e cunha ministra de Igualdade á que hai que afastar dun proxecto político, porque o prexudicaría, pero que para poñer vidas de mulleres, de nenos e nenas, nas súas mans, ben vale.
As prioridades quedan claras, non si?