Andrés Núñez Rajoy
Doñana, do "ti vai facendo" ao "alá ti" con eses berries
Cantas veces escoitamos esta famosa frase na boca de algúns políticos no poder. Cando unha persoa lle pedía algo que non entraba na legalidade. Mire señor alcalde quería darlle un alto á casa, sei que non entra na legalidade, na oficina técnica dinme que pode haber problemas. Ti vai facendo. E dálle, unha e outra máis. Acabamos vendo unha morea de cousas que son fillas do "ti vai facendo". Ata que chegamos a casos sanguentos como é o de Doñana, ou as Tablas de Daimiel ou a contaminación do Mar Menor. Nestes casos xuntamos o "ti vai facendo" co "alá ti". Con isto acabamos con problemas de solucións moi complicadas.
A agricultura da provincia de Huelva entrou na miña vida profesional hortícola na década dos anos 80 (século XX). Logo fun vendo o proceso que levou a unha situación presente. Debemos de lembrar que fai máis de 40 anos Galicia foi unha potencia na produción de amorodo grande. No concello de Carral estaba a cooperativa FRUTAGAL con producións nos concellos de Carballo, A Laracha, Carral e Abegondo, fundamentalmente. Esta cooperativa mandaba as súas producións de amorodo grande aos mercados de Madrid e Barcelona, e tamén a mercados europeos. A aparición da rega por goteo e o plástico negro para acolchar o solo e evitar as malas herbas favoreceron este medre. O amorodo grande galego entraba no mercado cando as producións de Palos comezaban a reducirse. Era unha boa complementariedade.
Como di o refrán, cando todo vai ben verás como aparece algún e estrágache o día. Dito e feito. Comezan a aparecer as variedades de orixe californiana que non só teñen unha floración senón varias e así cando comezan a producir fan colleita continua. Aparece, a mediados dos 70, a primeira cooperativa de amorodo en Huelva (Sociedad Cooperativa Limitada Costa de Huelva – CoopHuelva) que xuntaba tres centrais de comercialización. Pero durou pouco, ata 1982, houbo unha excisión da sección de Palos de la Frontera e nace CORA (Cooperativa Andaluza Santa María de La Rábida) que se fixo moi coñecida, e aínda o é, co nome de Fresón de Palos. Ao aparecer os amorodos reflorecentes obtidos pola Universidade de California coma o Douglas en 1982, o Chandler no 1985, o Oso Grande no 1990 e o de máis sona o Camarosa no 1995, xunto a incorporación de pequenos túneles con plástico que adiantaban a colleita e o abastecemento continuo ao mercado as producións galegas foron minguando pouco a pouco ata case ser testemuñal para o mercado local, co handicap de que cando saían os nosos amorodos xa estaba o mercado moi saturado.
Cada ano que pasaba víase que a superficie que se dedicaba ao amorodo ía en incremento. Xa non era só Palos de La Frontera, Moguer ou Lucena del Puerto. Agora os concellos limítrofes tamén estaban incorporándose á produción de amorodo. Lepe e Cartaya destacan na Costa Occidental. Pero é no entorno de Doñana onde máis se planta, chegando ás 5.500 hectáreas no ano 2000.
Fixen varias viaxes ata a zona nos anos 90 e na primeira década do século XX. Unhas eran técnicas e outras de pracer, estas nomeadamente ás marismas de Doñana a ver paxaros, e tamén a ver como ía (e aínda o que lle falta) a restauración da Marisma Gallega ( hai cousa ás que lle colles simpatía por sinonimia como me pasa a min con esta marisma) . Nesta viaxes técnicas intercambiábamos experiencias de técnicas de cultivo, novas variedades a optimización da rega. Aquí comezo a ver, e a escoitar, os problemas ca auga. Sinto a agricultores falar xa dos pozos ilegais, da escaseza da auga e de como vai baixando a capa freática. Os cultivos nalgunhas partes de Doñana son sobre area, o que fai que case sexan cultivos hidropónicos, nos que é fundamental unha cousa: a auga. Tamén hai cultivos que se regan por aspersión.
Así un ano, e logo outro e ía vendo que a superficie se incrementaba e a auga baixaba. Escoito moito o "ti vai facendo". Vexo como hai máis empresas de furar pozos. Cando se comezaba a tomar conciencia de falta de auga, a principios de século o cultivo dos "berries" comeza a espallarse por toda a comarca. Xa hai novas variedades que non lle fai falla tantas horas de frío e aquí atopa un lugar ideal. O nome dos "berries" ven do inglés e que poderíamos traducir coma froitos vermellos ou froitos do bosque. En Galicia xa se fixeran experiencias, no ano 90, de plantacións de framboeseiros en montes de Monterroso e Antas de Ulla, co apoio dunha empresa de conxelado de castaña afincada en Monterroso. En Huelva xa eran os máis grande produtores de un "berrie" co amorodo grande (Strawberrie). Plantan framboeseiros (Raspberrie), amoras (Blackberrie) e arandeiras (Blueberrie). Que fai falta? Sinxelo máis auga.
Era un chío ben alto o problema da auga. Ninguén daba asumido que houbo un problema de mal goberno nas institucións, desleixo á hora de facer os controis. Mais tamén hai moito de "ti vai facendo", xunto aos máis aventureiros que practican o "alá ti". A principios de seculo XXI o uso dos solos de Doñana regúlase polo Plan de Ordenación do Territorio de Doñana que foi aprobado pola Junta de Andalucía. Conclusión: incumprimento un día si e outro tamén. Establecía o uso dos solos en regables, de secano e forestais. Aquí xa se fai mención a preocupación pola auga. Como o problema persistía, no ano 2014, aproveitando o Plan de Ordenación del Territorio de Andalucía (POTA) fan un cambio normativo modificando o Plan Especial de Ordenación de la Corona Forestal de Doñana, que é coñecido co nome de "Plan de la Fresa". Este Plan ten como característica principal o recoñecer as terras como estaban divididas no plan anterior e non recolle que se incorpore ningunha superficie que non estivera inscrita antes do 2004.
Dende o 2004 aínda se foron incrementando as plantacións, e captacións, ilegais. Hai agricultores legais que xa teñen problemas de abastecemento. Non hai suficiente auga porque se saca máis da que se recarga. Doñana ten as condicións ideais para albergar unha diversidade única. Son 50.000 hectáreas repartidas por tres provincias: Huelva, Cádiz e Sevilla. Entre España e África, entre o Atlántico e o Mediterráneo. É unha zona húmida única que serve de refuxio a moitas aves.
A auga é a fonte de vida de Doñana. Os estudos din que o acuífero esta por debaixo do 30% da súa capacidade. Como imos vendo o problema da auga en Doñana non é novo. Leva máis de 30 anos sabéndose o que pasa e séguense furando pozos, iso si, cada vez máis fondos. Agora volveu a poñerse de moda o tema pola proposición de lei do PP e de Vox que pretende legalizar estas fincas que non entraban no plan de 2004. Segundo datos de WWF (organización que promoveu a creación do parque nacional e que está sempre denunciando a súa desprotección), serían 2.000 hectáreas, outros din que 700. É igual a cantidade, o problema xa está aí. Hai agricultores que din que tiñan regadíos de antes do 2.004 pero nunca aportan documentación. Están na ilegalidade.
Na derradeira reunión do Consello de participación de Doñana na que están todos os que teñen participación na xestión do parque, é dicir o Goberno, a Junta, concellos da zona, científicos, patronais, sindicatos, organizacións agrarias e organizacións ecoloxistas, o biólogo Eloy Revilla, director da Estación Biológica de Doñana (CSIC) dixo: "Las personas que estamos en esta reunión no tenemos la responsabilidad de haber creado el problema. Sin embargo, tenemos la obligación legal, moral y social de resolverlo. De nuestras decisiones depende el futuro de Doñana y su comarca, que, les recuerdo, no solo es un valor local, o regional, sino que se trata de un patrimonio universal de toda la humanidad. Ustedes han de escoger cómo quieren pasar a la historia".
O escenario é moi complexo. Non se pode agardar tantos anos para buscarlle unha solución. Este problema, por desgraza non só é de Doñana. Cada vez son máis os problemas da seca na Península Ibérica. Seguramente teremos que formularnos que tipo de agricultura queremos. Que tipo de alimentación é a máis saudable. As producións km 0 dende logo non son iso. A maioría das producións intensivas son grandes consumidoras de auga. Sei que é un proceso moi complicado atopar unha soluciónao problema cando hai moitos intereses polo medio. Estas cousas pasan polo "ti vai facendo", o "ala ti". Agora queremos legalizalo. Claro que os agricultores implicados irán a xustificarse dicindo que levan moitos anos así e que non é culpa deles, que practicaron o "ti vai facendo". Os "berries" son unha fonte importante de ingresos cunha marxe bruta de case 9.000€/ha que si o comparamos coas produción do leite en Galicia son 8 veces máis.
A proposición que fixo o PP e Vox tivo unha forte repercusión tanto no estado coma en Europa. O tema medioambiental leva a que a Unión Europea xa se estea estudando o tipo de produción agrarias do futuro. Segundo me informan colegas que teño en Bruxelas neste intre están preparando a Lei de Restauración da Natureza para a conservación da biodiversidade, aínda que vexo que é difícil que saia pronto, neste ano hai eleccións en España, Polonia e Bélxica, e no ano que ven hai eleccións ao Parlamento Europeo. Macron pediu unha pausa na lexislación ambiental en Europa. Nos Países Baixos o partido Movemento Campesiño-Cidadán (BBB) capitalizou o voto dos agricultores e ten representación no parlamento. Aínda así e todo coa escaseza de auga e co cambio climático hai que tomar medidas en Doñana que non pasar por legalizar os "ti vai facendo" ou os que lle botaron moita cara co "alá ti".
Unha solución para defender a quen fai as cousas ben dos outros sería crear unha marca de calidade da produción, garantido mediante auditorías que son producións feitas con auga legal, os ilegais quedarían fóra. As auditorías xa se fan en Produción Integrada, en Agricultura Ecolóxica ou en Ternera Gallega. Pódese facer.
Mentres tanto a Marisma Gallega, onde vou ver a garcilla bueyera (Bubulus ibis), segue sen auga, cada vez máis seca.
Marisma Gallega sen auga