Andrés Núñez Rajoy
Non hai pulgas de mar e si cans na Lanzada
Vaia alegría tiven a semana pasada. Déuseme por ir a pasear a Lapamán. Saquei o calzado. Subín un pouco o pantalón e comecei a andar. Ao pouco pisei un argazo e sentín cóxegas nos pes. Que pasa aquí? Baixeime mirei o argazo e vexo rebulir unhas boliñas, levanto o argazo e alí as vexo. Pulgas de mar, ou do mar ou da area que varios nomes ten. O seu nome científico é Talitrus saltator.
Moito teño xogado eu con elas de pequeno na praia Compostela. Daquela non se peneiraban as praias, non. O argazo quedaba na praia unha vez que a marea baixaba. Os veraneantes sabíamos que era así. Deixaba no ambiente o seu cheiro de iodo, un cheiro que dicíamos un cheiro a mar. Outras veces tamén cheiraba a descomposición.
Había xa uns cantos anos que non vía estas pulgiñas polas praias das Rías Baixas. Estes animais teñen a característica de que cando se ven en perigo, ou se anda fozando onde se atopan, brincan a gran altura de xeito parecido ás pulgas, de aí o nome.
Teñen un papel moi importante na conservación da biodiversidade. O seu principal alimento son as algas ou restos orgánicos que se están descompoñendo e limpan os grans da area un a un. Este pequeniños animais tamén forman parte da alimentación de peixes e paxaros.
Xa son moitos os anos que levo veraneando en Sanxenxo. A praia que teño debaixo da fiestra é a de Lavapanos. Como os turistas queren todo limpo, tódolos días se recolle o argazo que deixou o mar nas súas subidas e baixadas. Pola maña cedo sinto como entra a máquina facer o labor de recollida, e si está a marea chea o traballo fano uns operarios á man con angazo e forquita. Esta praia, xunto ca da Carabuxeira, é das que quedaron afectadas co cambio de correntes mariñas cando se fixo a ampliación do peirao do porto deportivo de Sanxenxo e non son capaces de rexenerar area. Son xa varias as veces que se bota area destas praias, mais no inverno, co incremento da forza do mar, a area volve a desaparecer non fondo do mar. Teño mirado pola fiestra e ver como como a area queda retida nos argazos fixándoa á praia, pero ao día seguinte volvían a limpar as algas e volta a comezar o conto de novo. Agora ten area recente, acabada de botar. A ver canto dura. Sigue sen haber pulgas de mar.
Nunca entendín esa ansia por todas as praias superlimpas. Que o turista vexa que coidamos moi ben á vista porque o que é a biodiversidade non. Métense nas praias uns enormes tractores cunhas grandes peneiras que criban toda a area para recoller o lixo que deixan o visitantes. Este efecto é o mesmo que ten na terra a fresadora ou rotovator que tritura a terra quedando moi mol. Nunha terra fresada cando ven unha chuvieira forte créase unha enxurrada que acaba levando toda esa capa do solo, leva terra e nutrintes. Pois no mar igual, se esa praia ten esa capa de area movida e o mar embravece un pouco acaba índose mar adentro.
Sei que houbera un plan da Universidade de Vigo e do concello de Baiona, no que se sementaban pulgas de mar para recuperar a biodiversidade. Lemos nos periódicos que se presume das Bandeiras Azuis, a ver que ten máis. Non quere dicir que por ter moitas teñamos unha praias mellor conservadas, poden ter duchas, paneis informativos, pero non teñen biodiversidade.
Outro habitante das praias que está desaparecido, ou case desaparecido, é o escaravello tigre. Daba gusto velo correr polas praias a gran velocidade pero ao comezar a cribar a area desapareceu. Lémbrome tamén de ler na prensa escrita que un grupo naturalista do baixo Miño, ANABAM, se queixaba de que levaban varios anos sen ver o insecto Eurynebria complanata, en ningunha das beiras do Miño, nin en Galicia nin en Portugal. Segundo contan eles isto é culpa da limpeza mecánica das praias. Si sacamos as macroalgas, facemos sufrir o hábitat, eliminamos a súa fonte de alimento e refuxio , rompendo así a cadea alimentaria, tanto destes animais como dos que lle serven de alimento.
Chegados ata aquí, que é o que pintan os cans na Lanzada? Pinta que un ten as súas afeccións. E no meu caso son os paxaros. Son moitos os anos que levo mirando paxaros. Comecei moi novo, nos ano 70, con xente do que logo foi o GOG (Grupo Ornitolóxico Galego), estando ao fronte o amigo Penas Patiño, autor da Guía das Aves de Galicia (Ed. Baía Edicións). E nunca deixei de mirar paxaros. Permanentemente van no coche uns prismáticos e unha guía. Intento ver paxaros que nunca vin por Galicia e así vou a Villafáfila, a Doñana, á desembocadura do Ebro, etc.. Pero a miña estadía principal é a enseada do Bao, todo ese fondo que crea a Ría de Arousa.
Hai dúas semanas que fun a observar aves por alí, e por riba quería ver como ía a protección da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus, en castelán chorlitejo patinegro) que este ano, como é costume, hai unhas parellas poñendo alí os seus ovos. Este é un dos habitantes máis emblemáticos e ameazados dos nosos areais. É unha pequena limícola aliméntase das pulgas de mar e insectos que atopa polas praias. Xunto ao escaravello tigre e Eurynebria complanata está na lista de especies en perigo de extinción. Cada ano veñen menos parellas a aniñar na Lanzada. A convivencia destas píllaras coas persoas fai que cada vez aparezan menos nas dunas e que, case nunca, saquen máis, si é que o sacan, dun polo por niñada. É de salientar o labor de protección que fai a afiliación da SEOBirdLife Pontevedra (Sociedade Española de Ornitoloxía) que co plan de protección elaborado pola Xunta de Galicia vixía e axuda a que ninguén interfira nas zonas demarcadas como protexidas.
Para explicar isto nas entradas da Lanzada hai un carteis nas que se explica que son ás píllaras das dunas, e a súa protección. E tanto nas entradas dos aparcadoiros, como nalgunha das baixadas á praia hai carteis que indican que están prohibidos os cans nesa praia. Labor imposible, como era na fin de semana na que o 1º de maio caía en luns, a praia estaba ateigada de xente. E tamén de moitísimos cans. Cans grandes, cans pequenos, cans con pedigree e sen el, cans atados e cans soltos. Si foran unha ou dúas persoas aínda se lles podía explicar o porque non se pode ir con cans a esa praia, neste caso eran moreas. O peor foi cando un can pequeno, correndo ao seu aire, se acercou a unha das zonas marcadas como protexidas, entón uns voluntarios foron cara o can e facéndolle xesto coas mans intentaron para que se fora da zona, e costoulles. Pasado un anaco de tempo chegaron os donos do can berrándolle aos voluntarios que porque se metían co seu can. Intentaron explicarllo, que non se podía ir cos cans a praia por ese motivos. Tiveron máis que dicir que os voluntarios. Pobres, por riba de facelo voluntariamente, ter que aguantar a sen razón. O peor de todo é que escoitei a frase típica dos maleducados cando saben que non teñen razón: "nosotros pagamos nuestros impuestos y la playa es de todos". Pois non, a praia neste caso, non é de todos, dos cans non.
Mais sempre non hai dous en tres. Saíndo había uns madrileños que aproveitaban esa fin de semana longa, ao ser festivo na súa comunidade o luns e o martes, comentar: "que mierda (sic) esta playa de la Lanzada que no tiene papeleras". Eu ao ouvilo intentei ser amable e explicarlle que se sacaran os contedores de lixo das praias porque eran un foco de contaminación de restos, que aumentaban os roedores, que logo acaban cos paxaros que estaban criando, e por riba os plásticos, cando o contedor está cheo andan voando pola praia e contaminan moito, que temos que aprender que si facemos lixo coas cousas que levamos á praia, logo ese lixo podemos levalo con nós e metelo nun contedor na rúa onde vivamos, cada un ten que saber xestionar o lixo que produce. Pois non lle gustou a explicación, dicíanme que era un parvada o non ter contedores na praia, que era bo para o turismo. E veña que dálle, que iso era unha mostra de "aldeanismo", xa - díxenlle eu - é que vos vindes da liberdade postmoderna criada na prepotencia do ignorante que lle vamos facer nós somos así e vos sodes o que sodes, pero para nós é bo que non haxa papeleiras, e para os paxaros tamén. Aí si que xa fartei. Xa non contestei máis lembrándome do dito filosófico popular de: "nunca pelexes cun porco nunha lameira, os dous acabades enlamados pero el desfruta".
Si tedes cans, desfrutade deles, coidádeos, xogade con eles. Sempre serán boa compañía pero sabede que hai sitios aos que non se debe levar como é o caso da Lanzada. Nós, o noso entorno, o noso hábitat e o de toda a biodiversidade, xogámonos moito. Desfrutade da Lanzada con cabeciña.