Andrés Núñez Rajoy
De skaters, malotes e outras xentes de malvivir
Como digo sempre gústame opinar sobre cousas unha vez que pasou algún tempo desde que sucederon para facelo con serenidade e que non me quente a cabeza a inmediatez.
Alá polo mes de outubro ou novembro, no bar onde tomo o café pola mañá unha xente que alí estaba falaban dunha colaboración de opinión, nun dos xornais impresos da nosa Boa Vila unha opinión sobre o skatepark e as persoas que o ían usar, é dicir os e as skaters. Estiven escoitando a ver que dicían, os comentarios eran de todo tipo e despertou en min interese. Pasei á súa lectura.
O que máis me sorprendeu foi que se queixaba da súa situación, diante dun centro de ensino ao que acoden preadolescentes (?), e logo quen ía acudir a un centro de ensino, xubilados? Cando levo unhas liñas lidas decátome de que un skatepark era cousa mala para eses estudantes. Claro que si sigo lendo vexo que fala dos skaters coma unha tribo, cun xeito de ser e unha filosofía de vida de "malotes" rebeldes que visten todos igual, cun barallete propio. Dando a entender que ían molestar aos estudantes cando se dirixan ás clases xa que como son xente de mal vivir e palanquíns estarán alí patinando a tódalas horas.
Quedei asustado. A verdade é que me impresionou. Acababa de regalarlle unha táboa de skate á miña neta de sete anos e visto o visto vai acabar convertíndose nunha "malota". Era o que me faltaba, ter que discutir co fillo e nora por culpa dese monopatín que lle regalei. Dubidei si dicirlle que ía cambiar por outra cousa ou coñecer ben de que vai a cousa.
Como son persoa que sempre me gusta contrastar as opinións, e o tempo mo permite, dediqueime a facer investigación de que vai o tema do skate. Que mellor sitio para aprender que o propio skatepark en Raíña Vitoria. Alí me fun un día de semana para ver a entrada da rapazada no instituto e alí non había ninguén. Logo de tomar café e facer o meu paseo matinal, volvín e alí seguía sen haber ninguén. Ostras fritidas! Dixen para min, que pasa aquí non hai ninguén?. Haberá que ir pola tarde. Ese día non puiden e acabei indo un sábado a media mañá.
Neste día si que había xente, tanto practicantes de skate como maiores mirando a xogadas e brincadas que facía a rapazada, xente maior que por outra banda miraba dende a beirarrúa como cando pasaban os coches, pregunteilles se ían moito por alí e había de todo, esporádicos e asiduos que segundo me contaban desfrutaban cos "malabares" (sic) que facían os rapaces e ata un señor maior, que se apoiaba nun caxato, me dixo: "quen fora mozo para intentalo".
Practicando había unha morea de rapazada, nenos e nenas, mozos maiormente e algunha moza. Fixeime na roupa que levaban e en ningún intre puiden dicir que eran unha tribo, cada un vestía como lle petaba, o único que tiñan en común era o patín. Acerqueime a uns dos maiores e díxenlle si podía falar un pouquiño con eles. Sen problema, sentámonos nun banco catro mozos e máis eu. Terían entre 25 e 32 anos. Conteille o do escrito que lera no xornal e botaron unhas risadas. Non entendía o motivo da risa e conteille o meu temor coa neta. Volveron a rirse.
A señora que escribiu iso non ten nin idea de que vai o mundo do skate,- dixo un deles con aire de cabreo- di que nós somos unha tribo e , que aquí o que, se vai facer é un gheto que traerá problemas.
Mire,-díxome outro- voulle contar quen estamos aquí. Eu son cociñeiro e traballo nun restaurante, patino nos momento libres. Este de aquí é enxeñeiro de camiños e está traballando nos arranxos da A6 e antes estivo dirixindo uns traballos dos túneles do AVE en Ourense, este outro é enxeñeiro informático e traballa para Google, aquel é avogado e executivo dunha rede social profesional, aquela rapaza é nefróloga e traballa no CHUS de Santiago, aquel que acaba de saltar é arquitecto, aqueloutro é fotografo e podería dicirlle a vostede unha morea de profesións de xente que practica este deporte, nós que o que temos en común é o skate.
E moitos tamén o surf- sinalou unha rapaza
Quedei abraiado cando coñecín a cantidade de xente nova, con formación e traballando, empecei a tomarme as cousas con calma, é dicir que o que expoñía o artigo non era verdade, non había tal tribo, nin gheto. Unha rapaza que estaba escoitando o que falamos dixo: o de tribo tamén o podemos dicir nós de esa xente cando fai a posta de longo da mozas nas festas da Peregrina, se non son tribo paréceno e nós non andamos sacando notas dicindo nada, son anacrónicos, antigos e eles si que andan vestidos todos dun xeito.
Xuntáronsenos máis rapaces e rapazas novos, entre 10 e 15 anos e a maioría ríanse do que falábamos, pregunteilles que tal nos estudos, había de todo pero a maioría sacaba boas notas. Despois pasaron a contarme que había un proxecto de skaterpark, que fixera unha empresa de Barcelona, que a Asociación de Skaters de Pontevedra tiña negociado con Tino Fernández e moitas reunións e que sempre era que si, que si, pero non, non se daba feito e levaban así varios anos, e isto era o mellor que podían ter por agora, mais cando o skate é un deporte olímpico.
Como o título do artigo era "Este descabellado bodrio" e tamén dicía que foran cutres no deseño, intentei poñerme en contacto coa empresa que fixo o deseño de skatepark. Teño que confesar que cando me deron o teléfono deste estudio pontevedrés dubidei moito como plantexarlles o tema por si era como di o artigo, eu non teño criterio ningún para rebatirlles nada. Quedei con eles e recibíronme no seu estudo.
O estudo, na zona vella pontevedresa, é de dúas persoas novas, sobre os trinta anos, unha muller e un home, arquitectos ámbolos dous. Conteilles o que levaba feito de investigación sobre o skate, e como fixera a rapazada que estaban skateando o outro día, tamén botaron unha risada. Empezaron contándome que o seu estudo está especializado, entre outras cousas coma as vivendas unifamiliares ou a reforma de vivendas, no deseño de skateparks. Que ao ser un deporte olímpico sempre teñen en conta, a hora do deseño, as posibilidades de facer campionatos nos que eles deseñan. Tamén me comentan que, aínda que novos xa empezaron cos deseño nos últimos anos da carreira de arquitectura, teñen unha ampla traxectoria de deseño de skateparks, e ensináronme algúns dos que levan feito e puiden ver o de Carballo, o de Sanxenxo, o de Vilagarcía de Arousa, outro no concello Culleredo, o de Bueu, un proxecto Madrid para unha empresa de ocio, e outros máis que se me esquecen pero que me demostran a súa experiencia e polo que falaban e como se expresaban sabían do que falaban.
Tamén me dín que o de Pontevedra non é un skaterpark propiamente dito senón que é unha praza na que se pode practicar co skate, as pezas non son fixas, pódense mover de sitio, e deseñouse pensado que unha ambulancia, ou bombeiros o poden atravesar sen problema sen nada que dificulte o paso en caso de necesidade. Ou o que é o mesmo deseñar en función do espazo e das necesidades da cidadanía. Dándolle as grazas deixéinos traballando sobre un cuarto de baño dunha casa que estaban a deseñar.
Volvo para a casa máis tranquilo, agora vou a parar a comprarlle un casco e unhas cobadeiras para a miña neta sabedor que ser skater é cousa boa, e tamén que prefiro que estea dúas horas skateando, que a fin é deporte, que dúas tiktokeando.
Ao final xa teño a conclusión para que era o artigo. Criticar o peche de Raiña Victoria. Para iso o mellor é ir de fronte e non estigmatizar a uns rapaces e rapazas que practican un deporte, que ademais é olímpico, criticar o deseño duns profesionais que saben o que fan.
Visto o visto non entendo ás persoas, que teñen dereito a criticar o que queiran, incluído o peche de Raíña Vitoria, faltaría mais, o fagan deturpando a realidade meténdose cuns profesionais que saben moi ben o que fan e cunha xuventude san que practica un deporte olímpico. Eso sí, logo queremos medallas olímpicas.