Nelson Quinteiro
O insoportable peso da liquidación trimestral do IVE
Anda circulando estes días unha imaxe moi representativa da situación á que moitas pequenas empresas, pemes e autónomos nos afrontamos mañá, 20 de outubro, moitas veces con cargo directo ás nosas carteiras.
Non se trata dunha polémica que teña que ver coa natureza do tributo nen coa súa xustificación pública e social, que non cuestionamos, senón co seu xeito de recaudación.
A maioría das empresas nos vemos enfrentadas a facer frente ó pago do tributo dun xeito trimestral en moitas ocasións, sen ter cobrado as nosas correspondentes facturas que emitimos durante o trimestre.
Isto soe ser especialmente habital e sangrante para todas as persoas xurídicas que temos, como cliente principal á administración pública, sexa local, provincial, autonómica ou xeral.
E nesta realidade dase unha paradoxa bastante kafkiana que remove a indignación e o malestar de todas as empresas, pemes e autónomos que movemos o tecido productivo.
Resulta que cada trimestre, estas entidades temos que declarar a totalidade do IVE facturado en todo o exercicio trimestral.
Se temos en conta que a estimación de cobro das facturas co sector público non baixa dos 60 días naturais, (cifra bastante lonxe da realidade en termo medio, por experiencia propia) resulta que polo xeral temos que adiantar a unha administración pública (Axencia Tributaria) o IVE que outras administracións ( local, provincial, autonómica ou xeral) non teñen liquidado en tempo e forma.
E isto convírtenos en financiadores indirectos da administración pública dun xeito bastante perverso.
Non vou entrar en valorar a situación actual, inflación, prezo dos suministros, enerxía, etc... Porque iso xa o deberían ter en conta.
Estamos a falar dun problema de LIQUIDEZ que xera ansiedade, malestar e enfado.
Para facer frente a ese problema de liquidez temos que trampear con aprazamentos coa Axencia Tributaria (suxeitos a concesión) que crean intereses de demora.
A outra opción pasa pola financiación privada, con cargo a ferramentas como a liña de crédito bancaria, que tamén xera moitos gastos paralelos e innecesarios: formalización (tamén suxeita a concesión, e bastante papeleo), firma notarial e intereses. Tracatrá.
Por mor do innombrable IVE tés que afrontar uns gastos paralelos que, de partida, non estaban contemplados e que soe asumir o eslabón máis pequeno da cadea.
A miña pregunta é a seguinte, e vouna expresar en román paladino:
¿Por que temos que desgravar o IVE á unha Administración Pública se logo llo temos que devolver a outra Administración Pública?
¿Non sería máis sinxelo e xusto que cambiasedes os cromos entre vós e non nos fixérades adiantar a guita, andar con papeleos e xestorías?
Que nós nos somos o Banco de España!
Que ese tamén é voso!!!
Quizais a opción de repercutir o IVE, tal e como facemos co IRPF sexa algo complexa, pois quedaría por determinar que facemos co IVE devengado e volveriamos a convertirnos, de novo, en financieras particulares.
Pero quedan outras opcións, non moi complicadas, para atallar esta situación e reducir o malestar, indignación e cabreo co que nos erguemos cada 31 de xaneiro, 20 de abril, 20 de xullo e 20 de outubro a inmensa maioría de autónomos, pemes e pequenas empresas:
- Xerar un novo tipo de modelo coa Axencia Tributaria relativa á facturación coas administracións públicas. Facer as declaracións do IVE con este tipo de cliente a medida que ti as vaias cobrando. Facer un modelo de autoloquidación aberto para esta tipoloxía de contrato que poidas declarar online, e con pasarela de pago a medida que a ti te vaian entrando en conta. Presentarías a factura, o xustificante de pago, declaras o devengado e ingresas a diferencia. Voilá! Así de sinxelo! A e-dministración faino posible, e xa estamos acostumados a trámites moito máis complicados.
- Moito máis sinxelo! Non ter que declarar o IVE das facturas ás administracións públicas ata o fin de trimestre no que estas teñan sido cobradas. Comodísimo!
O que está claro é que se a min, que son un pequeno autónomo, se me ocorren este tipo de solucións... ¿Que é que non se lle pode ocorrer ás brillantes e preclaras mentes que nos representan, governan e administran? Claro que si! Claro que o saben. Coñecen o problema e tamén a solución. Pero non queren.
Ternos como financieiras, afogar a nosa liquidez e cargarnos de intereses de demora, públicos ou privados (bancarios) élles un negocio redondo. Pero que nolo digan á cara.
E que a nosa indignación, enfado, agobio e insomnio trimestral sexan expresadas con claridade e propostas.
Nelson Quinteiro Roa
Traballador autónomo e empresario do sector cultural