Asociación Si, hai saída
Para ti, Sonia, alá onde esteas
Doce anos pasaron xa desde aquel 18 de agosto no que Sonia Iglesias emprendeu unha longa viaxe sen retorno, deixando atrás moita dor, moita tristura e uns corazóns rotos, os de todos cantos a querían, que a queren, imposibles de recompoñer.
Unha longa viaxe da que teño a certeza que Sonia non emprendeu por propia vontade, porque Sonia, coma eu, coma tantas outras Sonias, nunca partiríamos deixando atrás o que máis queremos, os nosos fillos, como tamén a teño de que marchou levando consigo, ás súas costas, unha pesada mochila cargada con moito sufrimento, con moito temor e con moitos silencios que é moi difícil que, quen non vivira o mesmo inferno, ben na propia pel ou de preto, ou quen teña unha considerable empatía e auténtica vontade, sexa quen de interpretar.
Sonia pediu axuda, acudiu onde se supón que poderían prestarlla, mais, coma a inmensa maioría de mulleres que vivimos o inferno da violencia de xénero, non puido verbalizar canto lle estaba a pasar, porque asumir que estás a ser maltratada, ser quen de contalo, e pedir esa axuda que tanto precisas é unha das probas máis duras que a vida pode poñer a calquera muller, e máis aínda hai uns anos, cando se comezaba a falar de violencia machista polo baixo, pero o medo as posibles e máis que probables represalias do maltratador, as ameazas, en moitos casos, de arrebatarlles aos fillos, a vergoña, o temor a non ser entendida e si, pola contra, estigmatizada, a incerteza ante un futuro algo máis que dubidoso, pesaban, e moito. Tanto, que a maioría optaban por calar, pregando porque alguén soubera interpretar o seu silencio.
A situación aínda se tornaba peor se o interlocutor ou interlocutora non sabía ou non se tomaba a molestia de ler entre liñas, ou, a lo menos, tentalo, tendo en conta que, se unha muller acude a solicitar "información" a certos eidos, era e segue sendo porque algo grave lle está a suceder, pero é moito máis cómodo limitarse a recitarlle o "manual", e culpala despois, diante das cámaras e micrófonos, de que non contou nada.
Realmente, malia os anos transcorridos, e pese a quen pese, nada moi diferente do que segue a acontecer na actualidade.
Nunca coñecín a Sonia persoalmente, pero, sempre, e máis aínda desde que comecei a traballar con vítimas de violencia de xénero me sentín moi impactada polo seu caso.
Non podo nin imaxinar maior sufrimento que o que se instalou xa para sempre nas vidas da familia, dos amigos de Sonia, porque se perder a alguén dun xeito tan tráxico é terrible, non atopar o seu corpo, non ter sequera un sitio onde chorala, ten que ser, sinxelamente insoportable.
E penso, como nai, moi especialmente no seu fillo.... Que dor tan grande!
Coñecer a verdade, que se fixera xustiza e atopar ese corpo non lle devolvería, obviamente, a vida, pero si que sería un pequeno bálsamo para as fondas feridas dos seus, que, aínda así, nunca curarían de todo.
Desde a Asociación Si, hai saída, desexamos, un ano máis, lembrar a Sonia, e, malia que somos conscientes de que non hai consolo posible, facerlles chegar aos seus o noso agarimo, e sempre, o noso incondicional apoio.
Para ti, Sonia, alá onde esteas.