Tribuna Viva
Conclusións da XXX Semana Galega de Filosofía
Pretendíamos buscar espazos, abrir fendas ao presente polas que puidese bulir a transformación, o cambio. Por iso, nesta XXX Semana Galega de Filosofía eliximos como temática a "memoria". En efecto, buscamos na memoria un medio para crear espazos abertos.... memoria para ter ferramentas axeitadas con que construír lugares novos, mapas alternativos á situación económica, política e vital actual... memoria tamén como recurso para pensar o presente e o futuro.
Para conseguir estes obxectivos era preciso denunciar a memoria paralítica, da que nos falaba José Barata-Moura este luns, e tamén a manipulación do recordo histórico, humano, psicolóxico, cultural e político. Denunciamos para a esperanza, para a liberación. Lorenzo Fernández Prieto dicíanos o luns que "o interesante é a humanidade no medio da masacre". Centrémonos pois neses acontecementos de humanidade fronte a calquera discurso dominante baseado nunha memoria modificada que serve aos intereses neoliberais.
Deste xeito, cales son entón eses lugares de apertura, eses espazos liberadores que coidamos ter aberto ao longo desta intensa semana? Concretamente son catro. Pasemos entón a despregalos.
ESPAZO 1: O FESTEXO
Primeiro, xurdiu un espazo para o festexo.
Si, na XXX Semana Galega de Filosofía quixemos festexar o nacemento desta Aula. ÿ fundamental valorar e celebrar a supervivencia da Aula Castelao nuns tempos en que todos os anteproxectos da nova Lei de Educación queren silenciar á filosofía nas escolas e na sociedade en xeral. Ramón Reguerira explicounos moi ben como a Aula Castelao constituíu, ao longo destes 30 anos, un antídoto contra o dito silencio, unha vacina, contra a impotencia, a resignación, a amnesia e a indiferenza; xa que, como Ramón dicía, "sen memoria, podemos chegar a pensar que o presente é o mellor dos mundos posibles".
ESPAZO 2: DENUNCIA
Outro espazo creado nesta semana foi o propio da denuncia da memoria fragmentada, modificada.
Manuel Rivas apuntaba magnificamente á diana desta cuestión cando sinalaba que a amnesia retrógrada nos conduce ás vacacións morais. Así, a memoria convértese nunha das condicións de posibilidade para a moral. Por iso, denunciemos a memoria manipulada polos intereses dun discurso dominante. O mércores Manuel Fernández Blanco insistía niso cando aludía a que nos atopamos nun capitalismo bulímico, autodestrutivo, aliado da pulsión de morte. Mais a chave disto é que os síntomas do capitalismo son os síntomas dos individuos.
Mais para curar os síntomas do discurso dominante convén clarificar o pasado dos pobos. Falamos dunha reinterpretación do pasado histórico posta ao servizo do presente; é dicir, a reinterpretación entendida como apertura, como posibilidade do xurdimento, da novidade, para evitar a repetición dos erros. O xoves pola mañá Bruno Groppo incidía sobre esta cuestión cando facía referencia ás políticas da memoria de Europa central, xa que subliñaba o feito de que toda política da memoria foi sempre, á súa vez, unha política do esquecemento. As políticas da memoria constitúen un conxunto de decisións, iniciativas, que traen ao recordo uns aspectos e ao esquecemento outros, influíndo así na identidade dunha sociedade.
ESPAZO 3: PRAXE TRANSFORMADORA
Co espazo anterior, co da denuncia, traemos ao presente a posibilidade da praxe transformadora. E xa nos situamos no terceiro espazo, a terceira fisura que pode facer quebrar os muros do pensamento establecido, que se caracteriza polo impulso transformador. En efecto, é imprescindible dar o paso á acción, á provocación do devir da realidade actual.
Comecemos entón, como dicía Miren Etxezarreta por cambiar a mirada limitada, superficial, que se estende na análise da crise actual. Non é suficiente con afirmar que a crise vén dada polo problema hipotecario, financeiro e da débeda. ÿ necesario artellar unha análise histórica. O capitalismo non pode vivir sen crises; é preciso revisar as numerosas crises que xa leva tido no seu percorrer na historia. A crise non é un suceso anecdótico senón estrutural. Hai que saír do capitalismo.
Manuel Cruz tamén incidiu esta mañá no cambio de mirada; mais desde outro punto de vista, tamén moi enriquecedor. Afirmaba que chegamos a unha profunda incapacidade para proxectar futuro. A idea de que "non hai nada que facer" dana o edificio do imaxinario colectivo. A menor proposta de cambio caracterízase como radical ou antisistema. Parece que se abandonou calquera expectativa de cambio e mesmo a posibilidade de pensar en termos de transformación. Actuemos entón, porque como Manuel salientaba unha cousa é que determinados sectores sociais non teñan as rendas, e outra cousa é que non existan esas rendas ou non estean nas mans de ninguén. Mudemos polo tanto o feito de que hoxe en día nos pareza máis verosímil a fin do mundo que a fin do capitalismo.
ESPAZO 4: O COMPROMISO
Porén, para a muda, para a modificación, para o cambio é preciso o compromiso; e este constitúe o cuarto espazo. A loita contra o tratamento espurio da memoria abre a posibilidade de adquirir o dito compromiso. Así, comprometámonos entón coa nosa lingua, porque como destacaba Francisco Fernández Rei "aínda se nota na lingua a profunda pegada dos vencedores" e porque "a lingua é sobre todo a vida que hai nela".
Compromiso tamén que adquiriu Aurora Marco na súa loita por facer revivir o papel das mulleres na época do exilio, papel que estivo oculto durante moitos anos. Así, a través do traballo documental de As silenciadas tróuxonos a posibilidade de acceder a historias de vida de mulleres que estiveron na clandestinidade ou apoiaron o movemento guerrilleiro e que por defendéreno sufriron a morte, o cárcere, a tortura física e psicolóxica ou o desterro.
Compromiso é tamén o proxecto nomesevoces.net que nos presentou polo miúdo nunha conferencia Lorenzo Fernández Prieto. Con el creouse unha rede que a través da investigación trata de facilitar o acceso á información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia, incidindo especialmente nas súas vítimas.
Compromiso hai na implicación que Paula Godinho ten co asunto da memoria, outorgando un traballo de campo que obtivo resultados de enorme interese. Contábanos Paula que nas aldeas nas que traballou viu un silencio que berraba, por causa da memoria reprimida en tantos momentos históricos.
Hoxe, xa no final da XXX Semana Galega de Filosofía, queremos clausurar realizando un recoñecemento, especial, á memoria viva e aos que nos fan lembrar, aos que son testemuña (de distintos tempos) do que significa sufrir un réxime totalitario e a represión.
Quixera finalizar. Pero non sen expresar dous agradecementos no nome de todos os membros da Aula Castelao.
En primeiro lugar, agradecemos a todos os anteriores membros organizadores da Aula Castelao todo o traballo feito ata o momento. Dicía Saramago (cito): "O pasado é un inmenso pedregal que a moitos lles gustaría percorrer como se dunha autoestrada se tratase, mentres outros, pacientemente, van de pedra en pedra, e levántanas, porque necesitan saber que hai debaixo delas. Ás veces sáenlles alacráns ou escolopendras, mais non é imposible que, polo menos unha vez, apareza un elefante". Grazas. Porque vós fostes o elefante do que fala Saramago, porque vós, levantado esas pedras fixestes un camiño despexado e amable para todos os que chegamos despois á Aula Castelao.
En segundo lugar, quixeramos expresar un enorme agradecemento ao público destes 30 anos porque vós sodes a verdadeira memoria destas 30 Semanas Galegas de Filosofía, porque sen memoria nada existe, e sen vós, sen a vosa memoria, nós deixaríamos de existir.
Aula Castelao de Filosofía
05.04.2013