Marta Rodríguez Engroba
Amar por obriga
Desde hai un par de días, non son quen de quitarme da cabeza algo que me dixo unha muller a que estamos tentando axudar en Si, hai saída, a asociación contra a violencia de xénero da que formo parte, a superar unha situación de malos tratos realmente dura, coma todas, por outra banda, pero neste caso con unhas connotacións especialmente escabrosas.
Nun momento dado, e facendo un paréntese para tomar un chisco de aire, xa que, como se pode imaxinar, as entrevistas onde as vítimas teñen que relatarnos a súa dolorosa situación son duras para elas….e para nós, porque hai cousas as que nunca te acostumas de todo, cando a conversa se fixo algo mais distendida, preguntoume se eu tiña parella.
Malia que non adoito falar da miña vida persoal, non tiven problema en responderlle que non, ao que ela, con xesto de sorpresa primeiro e de tristura despois, díxome: "que mágoa estar así soa……!" para engadir que ela xa se estaba plantexando que tiña que refacer a súa vida, e buscar outra persoa coa que compartila, porque estar así, e repetíu, soa, non é vida.
Eu respondinlle que non estar en parella non implica estar soa, nin moito menos que non queiras e te queiran. Expliqueille que para mín era unha opción que eu elixira, e que para nada me sentía soa. Que os sentementos non precisan dun xeito de vida estipulado e que, por outra banda, as cousas chegan cando teñen que chegar……e se teñen que chegar. Que, as veces, estando en parella…. porque hai que estar, si que se pode chegar a sentir unha soidade inmensa, e esa si que é unha mágoa enorme.
Ela mirábame sorprendida, e para nada convencida, e contoume como o maltratador que estivo a piques de matala hai moi pouco era xa a terceira parella coa que lle ocorría algo similar.
Cando lle preguntei se non cría que tal vez se apresurase buscando quen encha ese baleiro que di sentir, que sería bó que se tomase un tempo para ela, para aprender a disfrutar da vida, a coñecerse, a respirar sen medo, contestoume que ela non valía para estar soa.
Esta é, sen dúbida, unha das razón polas que a violencia de xénero vai en aumento. Unha sociedade que che impón como modelo de vida "correcto" o de parella, a calquera precio, malia que implique dor, humillacións, destrucción total da autoestima, agresións, e mesmo pagar coa vida.
Unha sociedade que rexeita todo aquelo que non garda as aparencias do "políticamente correcto", malia que por dentro reborde lixo, e que non deixa asumir que cada quen é feliz dun xeito diferente, e que todos e cada un deles son igual de válidos, mentras che permitan acadar o teu obxectivo, que é xustamente, ese, ser feliz.
Unha sociedade, en definitiva, que incita a amar por obriga, sexa cal sexa o prezo…..mesmo o da vida.
Asociación Si, hai saída