Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Terra de Cotobade'
Terra de Cotobade é o novo libro do historiador Xosé Fortes Bouzán, autor de diversa obra sobre a comarca pontevedresa e sobre as súas vivencias como militar. Trátase dun grandioso volume de cincocentas páxinas que recolle a historia deste territorio, un longo proceso de adaptación e vínculo co terreo na procura da supervivencia.
O capítulo inicial, escrito polos arqueólogos Ángel Concheiro Coello e Manuel Reboredo Tajes, fala da pegada dos primeiros humanos, desde os achados do paleolítico até as mámoas, petróglifos e castros. Xa na Idade Media é cando nace Cotobade como tal, como territorio dependente do mosteiro de Tenorio (couto do abade), pertencente á arquidiocese compostelá até a supresión do antigo réxime a comezos do século XIX.
Analízase a pegada de conflitos bélicos como as revoltas Irmandiñas (co derrubamento do castelo de Tenorio), a guerra da independencia (coa aparición do canón de pau e as guerrillas populares) ou a guerra carlista. Préstase atención tamén aos fenómenos que repercutiron na economía popular, como o aumento demográfico tras a chegada do millo no século XVII, que significou o auxe da arquitectura barroca en igrexas e pazos e a sona de Cotobade como terra de canteiros. A finais do século XIX iniciáronse vagas migratorias que culminaron cun forte descenso da poboación na segunda metade do século XX. Nun comezo foron cara a Brasil -como herdanza da migración a Portugal dos canteiros- e Arxentina -entre eles Casimiro Gómez, despois retornado como empresario e filántropo-.
Mentres, os que quedaban iniciaron un proceso de industrialización e asociacionismo agrario, que coa chegada da segunda república deu pé a un aumento na militancia política, primeiro ligada ao socialismo e nos últimos anos ao galeguismo. Este proceso culminou coa aparición en xullo de 1936 do periódico La Voz de Cotobad, dirixido por Antón Fraguas e do cal só se puido editar un número. A narración remata coa represión acontecida tralo alzamento nacional que deu orixe á guerra civil. Foron numerosos os cotobadenses castigados tralas arelas de liberdade.
O volume compleméntase cunha análise polo miúdo das trece parroquias que compoñen o concello. Ao respecto, un dos detalles que máis me chamou a atención foi saber que San Xurxo de Sacos -onde vivín dous anos e medio- foi antes do século XVI a parroquia de San Martiño de Cutián, se ben a primitiva igrexa foi substituída por unha antiga capela templaria no lugar que hoxe ocupa o templo parroquial, construída a mediados do século XVIII.
As dificultades da edición deste libro aparecen reflectidas na portada, onde aparece unha quimera, ser da mitoloxía grega, como representación da ilusión por levar adiante un proxecto que semellaba irreal. A idea comezou a tomar forma hai vinte e cinco anos, logo do movemento na defensa da carballeira de San Xusto no que participaran desde Avilés de Taramancos até Manuel María pasando por Laxeiro e O Carrabouxo. En 2011, ante a desilusión pola falta de apoio institucional, decidiuse optar polo método da Tábula Gratulatoria, para financiar o libro, unha fórmula de microfinanzación (o crowfunding do século XXI) na que participaron 150 veciños e veciñas de Cotobade.
Estaba a ler este libro cando me sorprendeu a noticia da fusión entre os concellos de Cotobade e Cerdedo. Cerdedo pertenceu historicamente á comarca da Terra de Montes, mentres que Cotobade estivo ligada a Pontevedra desde o século XII, cando era alargo rural da Boa Vila. A razón de ser de Cotobade como concello de seu vén dada pola propia toponimia: ao cabo, é -creo que xunto coa Illa de Arousa- o único municipio de Galicia cuxo nome non se corresponde con ningunha poboación do mesmo.
© Editorial Guiverny
Terra de Cotobade (Editorial Guiverny, 2015)
500 páxinas. ISBN 9788493944995