O 2019 garda a lembranza de Antonio Fraguas, abre o futuro do Museo e deixa a pegada de James Rhodes e Rozalén

Atrás queda un ano coa presenza na cidade de artistas da calidade de Glen Hansard; Judith Hill; James Rhodes; Carmen París, Martirio, Uxía e Ugía Pedreira; Rozalén; Ana Belén ou a volta de Marful con Sabela, actuacións que seguen a combinarse co traballo continuo das distintas formacións de carácter local en distintos terreos artísticos

Pleno extraordinario da RAG en Cotobade para homenaxear a Antonio Fraguas
Pleno extraordinario da RAG en Cotobade para homenaxear a Antonio Fraguas / Real Academia Galega

A Real Academia Galega celebraba o 17 de maio na carballeira de Famelga (Cerdedo-Cotobade), xunto á escola na que estudou Antonio Fraguas de neno, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que dedica este ano a este escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo pontevedrés. Fraguas foi un dos personaxes da historia da cultura galega que contou cun protagonismo central. O pleno extraordinario da RAG, ao que asistiron numerosos veciños de Cerdedo-Cotobade e representantes da vida cultural, social e política galega contaba coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Ao longo de doce meses celebráronse diferentes actividades para resaltar a figura de Antonio Fraguas, a última desenvolvíase cunha recreación de escenas dos seus textos a través dun macro espectáculo titulado 'A Galicia insólita' producido por Os de Algures, representado en Pontevedra e no auditorio de Cerdedo.

Este 2019 falecía, con 81 anos, José Luis Fernández Sieira, un dos representantes da cultura pontevedresa, sobre todo en relación coa música. Aos 18 anos ingresaba na Filarmónica, entidade que presidiría entre 1984 e 1994 e tamén foi presidente de Amigos de Pontevedra durante os últimos anos.

A pegada de Lorca en Pontevedra, descoñecida para moitos, foi posta en valor nun roteiro guiado pola cidade, dirixida polos integrantes de Polo Correo do Vento coa visita a espazos onde estivo o poeta desde o ano 1932. Mentres que a Aula de Teatro Municipal de Pontevedra representaba nas rúas da cidade a historia de mulleres represaliadas durante o franquismo, baseándose en historias recollidas pola escritora e xornalista Montse Fajardo, que exercía de narradora.

A parroquia pontevedresa de Cerponzóns realizou diferentes actividades con motivo dos seus mil anos de existencia e, no terreo cultural, deixa un documental rodado por Pablo Cacheda e un libro creado polo escritor Rodrigo Cota xunto ao seu fillo.

O coñecido intelectual Xosé Fortes también presentaba as súas memorias ante numeroso público no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra baixo o título 'A rienda suelta', que recolle os soños e as amizades infantís e xuvenís do historiador, nacido en Caroi, en Cotobade, e que foi coronel do exército e tamén profesor de Historia. 

PRESENTE

O músico Ara Malikian encheu o auditorio do Pazo da Cultura o 23 de febreiro nunha actuación dentro da súa 'Royal Garage World Tour' nun ano onde tamén foron protagonistas de recitais na cidade bandas como Morgan; a cantante portuguesa Luísa Sobral; o popular pianista James Rhodes que coñeceu de preto a cidade; artistas da categoría de Judith Hill dentro do Festival de Jazz e Blues no escenario da Ferrería; o irlandés Glen Hansard e as actuacións espectaculares de Carmen París, Martirio, Uxía e Ugía Pedreira dentro de Cantos na Maré ou a reaparición de Marful acompañados por Sabela no Culturgal, a Feira da Cultura Galega.

José Manuel Rey García, funcionario autonómico especializado en xestión patrimonial e que nos últimos anos desempeñou o cargo de director no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro convertíase en novo director do Museo de Pontevedra en abril relevando a Carlos Valle nese cargo. Ademais, conta cun consello asesor formado por sete especialistas na cultura para fomentar ideas que promovan o mellor funcionamento da institución.

Dentro da celebración das Festas da Peregrina nos concertos de agosto na Praza de España, Rozalén lograba un éxito espectacular cunha actuación inclusiva e tamén Lola Índigo e Ana Belén dentro dun verán que estivo marcado polo fenómeno do Náutico no Grove, onde se rexistraron concertos sorpresa como o de Vetusta Morla ou actuacións que chegaron a encher a praia lindeira de público entusiasta como foi no concerto conxunto de Leiva e Iván Ferreiro ou o de Lori Meyers, que rompían o seu ano sabático para achegarse a San Vicente do Mar.

Surfing the Lérez na Illa das Esculturas volvía xuntar potentes actuacións como as de Heredeiros das Crus, Sex Museum, Tony Lomba, Thee Blind Crows ou Familia Caamagno destinadas a un público familiar.

Pontevedra tamén foi escenario da primeira festa xitana que se celebraba en Galicia de maneira masiva e do primeiro festival Danzas do Mundo, que de maneira multitudinaria levou o mundo do baile ás distintas prazas e rúas da cidade invitando ao público a seguir ritmos e aprender a moverse atendendo distintos ritmos.

A sala de exposicións do Pazo da Cultura acollía unha das mostras máis interesantes de dous artistas vencellados familiar e pictoricamente, Álex Vázquez e Amelia Palacios, que contaron detalles sobre as súas vidas e obra nunha conversa en PontevedraViva Radio con Marisa Ciordia.

Este 2019 queda tamén como o ano do éxito de 'O que arde', do cineasta Oliver Laxe, que se formou no campus de Pontevedra e que agora está a recibir recoñecemento internacional grazas a esta obra minimalista sobre o rural galego e o problema dos incendios forestais. Na cidade realizou unha sesión explicativa nos cines cun encontro co público. Tamén o xornalista pontevedrés Manuel Jabois presentaba a súa primeira novela 'Malaherba' na cidade e a presentadora Julia Varela analizaba o seu primeiro libro nun acto en abril que contou coa presentación do xornalista de PontevedraViva, Alejandro Espiño.

Os coñecidos intérpretes Javier Gutiérrez e Cristina Castaño inauguraban a tempada teatral no Pazo da Cultura nun ano polo que polos escenarios pontevedreses pasaban, entre outros, artistas da categoría de Alicia Borrachero, Tristán Ulloa, Gonzalo de Castro ou o gran Josep María Pou, ademais de diferentes compañías galegas.

Este 2019 o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra chegaba ao seu vixésimo aniversario con múltiples accións de promoción de lectura e a homenaxe ao autor Antonio García Teijeiro. No 2020 retornará centrado no humor e dedicado a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva.

FUTURO

Neste novo ano, o espazo fundamental sobre que se centra gran parte da cultura en Pontevedra, o Museo, irá dando pasos cara a súa ampliación tras o anuncio da construción dun novo edificio en Valdecorvos para o material arqueolóxico e a reforma dos tres edificios centrais coa súa unión soterrada.

Precisamente, a exposición máis vista en 2019 en Pontevedra foi 'Galicia, a terra dos mil panos', superando as 10.000 persoas. O éxito desta mostra promovida pola asociación Sete Espadelas marcará unha apertura a outros estilos para atraer novos públicos ao Museo.

O desaparecido pintor Manuel Moldes contará cun andar no novo edificio azul da Xuntana rúa Benito Corbal para acoller unha exposición da súa obra e a sede da Fundación que levará o seu nome.