A cultura, que tanto axudou no confinamento, sofre duramente a crise malia se reconverter para ser segura

O sector tivo que reinventarse sobre a marcha nun 2020 onde se rexistraron cancelacións de múltiples actividades artísticas a partir do confinamento en marzo. Profesionais do ámbito da creación e fomento da cultura reclaman ás administracións axudas ante as dificultades provocadas pola crise económica

María García, Fernando e Carlos Rodríguez
María García, Fernando e Carlos Rodríguez / Fernando Rodríguez

A planificación cultural prevista para este 2020 por programadores, distribuidores, artistas e creadores paralizouse e foise diluíndo co inicio do confinamento nun ano que se abría cunha exposición de Leopoldo Nóvoa no Museo de Pontevedra.

Produciuse un "desenchufe" de actividades presenciais. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil reconvertíase e acollía propostas virtuais, cesaba temporalmente a actividade do Museo de Pontevedra, tamén o Ateneo freaba a súa programación, as salas de música en vivo e os festivais, os concertos de música clásica e, ao mesmo tempo, quedaban paralizadas tamén todas as presentacións de libros e recitais previstos en librerías que, nalgún caso, sofreu o seu particular annus horribilis

Como alternativa, os profesionais de diferentes actividades culturais e creativas dedicaron os momentos máis duros do peche nas vivendas para establecer fórmulas e tentar levantar o ánimo e ofrecer propostas por vías telemáticas. Desta forma, internet convertíase na ferramenta dispoñible para achegarse ao seu público ou para manter a súa visibilidade. Así, desenvolvíanse concertos en streaming polas diferentes redes sociais coa creación mesmo dun himno.

O Museo de Pontevedra puxo en marcha #aportapechada para coñecer a través de vídeos o contido de diversos departamentos da institución e desenvolveu iniciativas nas redes sociais mentres que Afundación ou o Concello de Pontevedra buscaban tamén a través destes formatos soluciones para seguir fomentando cultura e entretemento.

O sector audiovisual lograba notables éxitos coa estrea dalgunhas das máis esperadas producións realizadas en Galicia con profesionais e historias que manteñen: 'A illa das mentiras' de Paula Cons, 'Nación' de Margarita Ledo e 'Ons' de Alfonso Zarauza, son un exemplo de traballos  fílmicos con historias desenvolvidas en lugares das Rías Baixas con equipos interpretativos e técnicos de Galicia e recoñecidos en diversos festivais.

Ademais, diferentes municipios da provincia convertéronse en estudio para diferentes producións nos últimos anos e neste 2021, Bambú Producións comezaba a gravación en Pontevedra da serie 'Un asunto privado', que se poderá ver na plataforma Amazon Prime Vídeo. Mabel Lozano, guionista, actriz e directora, tamén era protagonista deste ano coa presentación en Pontevedra a súa curtametraxe "Biografía do cadáver dunha muller" no que se recolle o drama da prostitución. 

O Cine Seixo, en Marín, era o primeiro en Galicia en abrir as súas portas no mes de xuño para un número de espectadores reducido tras o confinamento.  E festivais cinematográficos como o FicBueu ou o Novos Cinemas 05 se reinventaban nunha edición especial marcada polas restricións de público e pola adopción de medidas de seguridade. Ademais, todos os festivais de Pontevedra agrúpanse nunha mesma marca, a través da Deputación, Rías Baixas Film Fest.

O Culturgal non fallou á súa cita anual no Pazo da Cultura cun programa de actividades adaptado, que se puido seguir en liña baixo o lema 'Non hai pandemia que poida co Culturgal'. Pola contra, o festival Cantos na Maré anunciaba o seu cambio de localización tras 15 anos en Pontevedra. A partir de agora celebrarase en Santiago de Compostela cun cambio de formato.

Ao mesmo tempo, todo o sector solicitaba diversas axudas económicas á administración para facer fronte ás perdas que o estado de alarma provocou entre miles de profesionais. Creadores como o ilustrador Kiko da Silva explicábao perfectamente: "non vai haber curro ata 2021. De que se vai vivir?".

No campo máis institucional, o Pazo da Cultura deixa de ser un organismo autónomo, que era xestionado por Pilar Portela, e pasa a estar xestionado desde o Concello de Pontevedra. Paula Cabaleiro encárgase da área cultural da Deputación e o Museo de Pontevedra cambiaba a súa imaxe corporativa e facíase co álbum Nós, de Castelao, como se analiza especificamente noutra parte deste especial.