Teresa Fernández-Valdés: "Rodaremos Un asunto privado en Pontevedra ata marzo"

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Pontevedra seguirá sendo ata marzo o epicentro da rodaxe de Un asunto privado, a serie que Bambú Producciones está a gravar nas Rías Baixas para Amazon. Así o confirmou a pontevedresa Teresa Fernández-Valdés, unha das súas creadoras.
En declaracións a PontevedraViva tras ser recibida polo alcalde, Fernández-Valdés asegurou que "estamos moi contentos" de rodar en Pontevedra e adiantou que ata o próximo Nadal "estaremos a ir e vindo" para rodar en Vigo e Ourense.
Tras dúas semanas de parón, nas que "igual rodamos algo en Madrid", regresarán a Pontevedra para o tramo final dunha rodaxe que "está a ser fantástica", segundo a produtora.
"É un luxo estar a rodar aquí", sinalou Teresa Fernández-Valdés, que lembrou que inicialmente Un asunto privado ía rodarse en Madrid e Bilbao, pero coa pandemia da covid-19 "decidimos vir para Galicia porque nos apetecía facer patria".
Todos os actores da serie, encabezados por Aura Garrido e o francés Jean Reno, "están felices en Galicia", terra que moitos deles "non coñecían, polo menos con tanta profundidade". Ademais, a colaboración por parte das institucións está a ser absoluta.
A todo iso, Fernández-Valdés engade que rodar en Galicia tamén ten a vantaxe de que os figurantes "veñen moi ilusionados", mentres que en Madrid "están afeitos ás rodaxes e ás veces veñen algo cansos".
En Pontevedra, dixo, "está a saír todo fantasticamente ben". Incluído o tempo, que lles está permitindo que a rodaxe vaia segundo o previsto. "Temos un pouco de todo para que non se nos esqueza que estamos en Galicia", asegura a produtora entre risas.
Por agora, os responsables da serie descoñecen a data da súa estrea. "Iso depende de Amazon", explica a súa creadora. Mentres tanto, desde Bambú xa traballan en máis proxectos, entre eles Jaguar, unha serie para Netflix con Blanca Suárez como cazadora de nazis; ou Dos vidas, unha serie diaria para as tardes de TVE.
"Estamos todos moi pendentes deste coronavirus que nos ten moi atados, a ver que podemos facer", recoñece Teresa Fernández-Valdés, que inclúe entre os proxectos pendentes de Bambú unha película con Isaki Lacuesta que queren rodar en París.
Ante todo este panorama, Fernández-Valdés asegura que o audiovisual español "está a vivir un momento precioso", coa irrupción de plataformas como Netflix, Amazon ou HBO "que necesitan nutrirse de contido e convértennos nunha industria moi activa".
Iso si, matiza a produtora pontevedresa, sempre aplicando un estrito protocolo de seguridade "para que non se nos deteña unha rodaxe por un contaxio múltiple".
Relacionadas:
-
Bambú pon os seus ollos sobre Santa Clara como escenario dunha posible rodaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Teresa Fernández-Valdés, entre as mulleres máis poderosas da industria do entretemento
Por Alejandro Espiño |
-
Restricións ao tráfico en Ponte Sampaio o próximo 11 de maio pola rodaxe de 'Un asunto privado'
Por Redacción |
-
Así é "Un asunto privado", a serie de Amazon que Bambú gravou en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Combarro pechará parte do seu centro histórico para a rodaxe de "Un asunto privado"
Por Redacción |
-
A Praza do Teucro e Montero Ríos pecharán nos próximos días para rodar a serie "Un asunto privado"
Por Redacción |
-
Bambú Producciones comezará esta semana a gravación en Pontevedra da serie para Amazon 'Un asunto privado'
Por Redacción |
-
Pontevedra prepara un amplo dispositivo para acoller a rodaxe da serie "Un asunto privado"
Por Alejandro Espiño |
-
"Un asunto privado", a primeira serie de Bambú para Amazon, gravarase en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |