Lores pide non confiarse o 26M e votar ao BNG para que Pontevedra "non volva atrás"
Pontevedra pode avanzar " máis rápido" se o fai cun equipo con ideas e proxectos "ambiciosos", cunha experiencia "contrastada" de goberno e que ten unha "enorme ilusión" por darlle un "novo e potente impulso" á cidade. Esa é, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, a mellor carta de presentación do BNG nestas eleccións municipais.
Así o sinalou o alcalde, que opta ao seu sexto mandato consecutivo, no mitin que o BNG celebrou no Teatro Principal de Pontevedra. Arroupado, entre outros, pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e un auditorio cheo, Fernández Lores sinalou que só o voto aos nacionalistas servirá para que Pontevedra "non volva atrás".
O rexedor, que asegurou que o actual mandato foi o máis "frutífero" que lembra na vida municipal, afirmou estar "orgulloso" do que conseguiu a cidade nos últimos anos ao converterse nun "referente mundial" en calidade urbana, algo que vinculou co esforzo e o traballo "de todos" os pontevedreses.
"Iso é unha realidade como a copa dun pino aínda que haxa quen o negue o lle queira quitar mérito", engadiu un Lores que pediu aos cidadáns que o próximo 26 de maio "exerzan o seu amor a Pontevedra" e acudan ás urnas para votar por un BNG que "non nos damos por satisfeitos" e que promete "non durmirnos nos loureiros".
Na súa intervención, o candidato do BNG avanzou que nos próximos catro anos Pontevedra "avanzará cada vez máis" coas obras, programas e actuacións previstas, en execución ou en proxecto, polo actual goberno local e que terán continuidade se logran unha "maioría suficiente" nestas eleccións municipais.
Fernández Lores lamentou que, en contraposición ao BNG, só haxa partidos que "o único que saben facer" por esta cidade é " obstruír, pór paus nas rodas e opoñerse a todo avance". As "tímidas" propostas que fan uns e outros, dixo, "propoñen volver ao século vinte" ou apostar por solucións "desbotadas por inviables ou que fracasaron noutras cidades".
O alcalde tamén quixo referirse á situación da empresa Ence, coincidindo coa concentración que os traballadores da fábrica celebraron ás portas do mitin, e advertiu á empresa pasteira que Pontevedra "non se vende" e que o BNG non descansará ata que a pasteira desaparezca da ría.
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o BNG se presenta a estas eleccións "cos deberes feitos" e cun modelo municipal "de éxito" que queren estender por Galicia e do que Pontevedra é o "exemplo paradigmático".
"Onde gobernamos melloramos a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, que saben xestionar cada euro, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables", asegurou Pontón, que celebrou que os pontevedreses probasen que "cando temos confianza nas nosas capacidades facemos grandes cousas".
A dirixente nacionalista engadiu que Pontevedra demostrou que "non todos somos iguais e que para ter un futuro prometedor é clave confiar non país", polo que instou aos votantes para "sumar máis BNG" en Pontevedra o 26M porque é a "única garantía" de que o municipio "siga avanzando".
No mitin tamén participou a eurodeputada Ana Miranda, que lembrou que o BNG é unha forza política "eficaz e fiable" na defensa dos intereses de Galicia, polo que reclamou o voto para a candidatura na que están integrados os nacionalistas para que "o noso país conte tamén en Bruxelas e dispoña dunha voz firme na defensa dos seus intereses".
Miranda puxo a Pontevedra como evidencia de que outra Europa é posible, reivindicando que"fronte ás multinacionais, o comercio local; fronte a burbulla inmobiliaria, o urbanismo sustentable; fronte a un modelo que marca a Troika neoliberal e de recortes, dereitos e liberdades".
"Somos o equipo da casa, o que sempre está e da a cara", sinalou Miranda, que reiterou que o seu partido é que defendeu a Galicia en Europea fronte a outros partidos que "foron de remolque" nas propostas que presentou o BNG.
Relacionadas:
-
O BNG considera "fundamental" para Pontevedra completar a A-57 ata Curro
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG estuda darlle un uso cultural á vella casa consistorial da Praza de España
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O BNG presenta unha nova entrega do cómic de Lórix en clave de humor
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, o "exemplo" cara o que mira o BNG para estender o seu modelo municipal a toda Galicia
Por Redacción |
-
Lores, ante as súas "mellores sensacións" desde que é alcalde: "Non nos poñemos límites"
Por Alejandro Espiño |