Pontevedra, o "exemplo" cara o que mira o BNG para estender o seu modelo municipal a toda Galicia
Por Redacción
Horas antes da tradicional pegada de carteis, o BNG xuntou os principais candidatos e candidatas ás vilas e cidades de Galicia. E cunha mensaxe clara. Pontevedra é o "exemplo" do modelo municipal que os nacionalistas queren estender por toda a comunidade.
Así o destacou a voceira nacional, Ana Pontón, que citou o "éxito" que obtivo o goberno municipal da Boa Vila, ao transformar "en positivo" a cidade e mellorando a vida das persoas. Trátase dun traballo que queren replicar en toda Galicia.
"O noso modelo está testado e funciona", engadiu Pontón, que advertiu que o BNG irá "a por todas" para lograr un maior número e alcaldías e acadar "máis peso político".
No acto interveu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que recordou que alí onde o BNG goberna os concellos son "referente de moitas cousas" porque "temos confianza" en Galicia e a súa xente e porque "traballamos a reo" por todo o mundo.
Lores, que afirmou que no caso de Pontevedra "o mellor está por vir", instou aos seus compañeiros a "ver o que hai" para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e adaptalo ás características das respectivas cidades.
Metido de cheo en campaña, o BNG reúne esta noite a toda a candidatura, militantes e simpatizantes no Cafetín da Alameda para manter un encontro con todos eles antes da tradicional pegada de carteis coa que arranca a campaña electoral.
Animará a todos a participar activamente nesta campaña e "a non quedar na casa" o día 26 de maio para seguir construíndo unha cidade "para a que mira todo o mundo".
Relacionadas:
-
O BNG presenta unha nova entrega do cómic de Lórix en clave de humor
Por Oskar Viéitez |
-
Lores pide non confiarse o 26M e votar ao BNG para que Pontevedra "non volva atrás"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores, ante as súas "mellores sensacións" desde que é alcalde: "Non nos poñemos límites"
Por Alejandro Espiño |