"Pontevedra máis bonita non pode estar. Pero se non teño para comer, de que me vale?"
É, quizais, a candidata menos coñecida de todas as que se presentan as eleccións. Con todo, ilusión e ganas de traballar polos veciños tenas todas. Pilar Dopazo (Pontevedra, 1972) é a opción elixida por Compromiso por Galicia -formación que é a primeira vez que concorre ás eleccións na cidade- para encabezar a súa candidatura. Recoñece que, cando foi nomeada, pensou que "me quedaba un pouco grande", pero asegura que cada vez se sinte máis cómoda.
Esta veciña de Estribela, administrativa de profesión e actualmente no paro, leva moitos anos vinculada co tecido asociativo, deportivo e educativo da zona. É algo, di, que "ven no meu ADN". Ansía unha cidade "atractiva e dinámica" que sexa capaz de xerar novas oportunidades de emprego aos seus cidadáns e, aposta por ser o "cambio" que precisa Pontevedra para que "entre aire fresco" na corporación municipal.
Como afronta Compromiso por Galicia o seu debut nunhas eleccións municipais?
Pois con moita ilusión. Chegamos con ganas de cambiar as cousas, sobre todo na forma de facer política. Estamos diante de xente que mantivo a súa posición demasiado tempo. Nós consideramos que todo ten un tempo, senón acabas esgotándote. Iso é o que está a pasar en Pontevedra. De feito, o que se ve deste goberno é que seguen peonalizando a cidade, pero non se vai máis alá. Non vexo neles ese cambio que pide a cidadanía.
Que xente sen experiencia previa en política forme a vosa candidatura é algo que credes positivo?
Da nosa lista só hai dúas persoas que estiveron en política, o resto somos xente, digamos, de a pé. Era algo que tiñamos moi claro cando comezamos con este proceso. Queríamos que calquera cidadán puidera converterse nese político que vai a traballar para eles desde un posto de tanta responsabilidade.
E a Pilar Dopazo, que foi o que lle moveu para meterse en política?
Ven no meu ADN, levo toda a vida formando parte de asociacións. A política debería ser como un traballo de voluntariado e isto non é así, hai unha parte lucrativa e moitas cousas por detrás. Iso hai que cambialo. Cheguei un punto no que me fartei de ver tanto chupóptero e decidín dar o paso e rodearme de xente coma min, que vimos da rúa e que queremos que se traballe para o ben común e non para o peto de cada quen.
E desde esa posición, cal é a vosa principal preocupación?
O traballo. Por diante de todo. Hai que buscar a maneira de fomentar que as empresas veñan para aquí e ofrezan traballo. Non pode ser que o chan estea tan caro, que se monte un negocio e que se tarde un ano en dar un permiso de apertura ou obra. A min encántame pasear por Pontevedra, máis bonita non pode estar. Pero se non teño para comer, de que me vale?. Eu dar un paseo para sentarme nunha porta a pedir non quero. E dígocho eu que estou no paro.
Polo que dis, credes que o modelo de cidade é insuficiente. Que cambiariades?
Tal como está hai moito a mellorar, pero non se pode negar que o deixaron perfecto. Está ben feito, pero xa non se pode continuar con iso. Por exemplo, o PXOM ten que estar aprobado canto antes. Non te podes escudar en que a Xunta o rexeita. É prioritario. A industria escaparate tamén cremos que hai que regularizala e colocar onde vai cada cousa. Non é so poñer lastros. Iso hai que enfocalo de cara o traballo. A cidade, a nivel urbanístico ía vento en popa a toda vela, pero sen planificación ningunha. Ten que levar todo unha liña coherente e iso agora no pasa.
"O noso partido defende a voz da cidadanía (...) E por iso, imos a propoñer un referendo sobre ENCE, un proceso que sexa o máis transparente posible"
E ti que vives no rural, supoño que terás unha opinión clara sobre as vosas necesidades…
Sen dúbida. É unha vergonza como está todo. En moitos sitios hai casas en ruínas e iso no pode ser. Pero sobre todo, o que non pode ser é que haxa un só lugar sen saneamento. Para nós, que chegue o abastecemento de auga tamén é imprescindible, xunto coa humanización dos barrios e das parroquias e coa implantación dun transporte público. Hai sitios onde a xente se fai vella esperando por un autobús.
Es de Estribela, tes moi preto a fábrica de ENCE e entenderás, probablemente, as posturas a favor e en contra da súa continuidade, pero cal é a vosa como partido?
A nivel de partido, nós defendemos que ENCE debe continuar na comarca si ou si, porque dá traballo. Non se pode pechar os ollos a iso porque hai moita xente de come grazas a ela. Pero no pode estar na ría. Iso témolo claro.
Que pasa? O noso partido defende a voz da cidadanía, queremos ser a súa voz no concello. E por iso, imos a propoñer un referendo, un proceso que sexa o máis transparente posible. E despois, acatar o resultado, xa que queremos que sexa vinculante para todas as administracións que teñen algo que ver co seu futuro. E se os cidadáns deciden que se quede, estaremos pendentes de que se cumpran todos os requisitos ambientais. Por moito que melloraran, non deixa de ser o que é.
E sobre a planta de compostaxe?
Nós pensamos que onde se proxecta non debe estar. Non é o sitio idóneo. Nós si defendemos que haxa un tratamento do lixo en base ao compost, que non se incineren os residuos, pero non aí. Ten que situarse, a ser posible, nun polígono industrial. E que todo o mundo saiba como se vai a levar a cabo, todo o contrario ao escurantismo con que se está a facer esta da Canicouva, que a xente poida opinar e decidir.
Tamén estades do lado dos veciños de Marcón na súa oposición á A-57…
Esa falsa circunvalación? Non queda outra. É unha vergoña, non pode ser por aí. A quen lle contes que van a meter iso pola Fracha, pensará que estás tonto perdido. Como circunvalación non vale un peso. Hai que cambiar o trazado e meter máis entradas para que sirva para algo aos cidadáns de Pontevedra, empece onde empece o vial.
"Lores cre que ten todo feito e iso é un erro (...) Pero é que o PP, quen cre neles a estas alturas? Me parece incrible despois de todo o que están facendo"
Cal cres que é o maior erro do actual goberno municipal?
Que non hai transparencia na maioría de cousas que se fan. De todo te enteiras de rebote ou pasado o tempo. Que traballo lles daría publicar todo na web? Os cartos parten de nós e se gastan un peso eu quero saber onde se meten. É moi bonito ir a Nova York a recoller un premio, pero iso quen o paga? E hai que ser humildes. Estar tanto tempo dáche esa posición que crees que a cidade é túa. E iso que Lores é unha persoa moi próxima á xente, pero crer que o ten todo feito e que lle van a dar a maioría absoluta é un erro.
Este é un duelo BNG-PP ou cres que hai marxe de manobra para outras formacións?
Nós temos que tratar de conectar co cidadán. E que pase o que teña que pasar. A ver, é evidente que o BNG vai a gañar. Se ve que Pontevedra está perfecta, aínda que eu non entenda moitas cousas da súa política. Pero é que o PP… quen cre neles a estas alturas?. Me parece incrible despois de todo o que están facendo. Se a xente quere cambio, hai que poñer a xente que queira traballar e que estea metida na realidade de Pontevedra. Eles non o están.
E chegado o caso, Compromiso por Galicia estaría disposta a pactar con calquera ou trazaría liñas vermellas?
Creo que xa che din a resposta co que che acabo de dicir. Hai una liña vermella que é infranqueable. Non vamos apoiar un goberno do PP. A partir de aí, teriamos que sentarnos e estudar todas as propostas, o que poñen enriba da mesa. Ou vamos todos polo mesmo sitio e apostamos polo consenso ou nada. Pero sempre en base ao noso programa. Non pode ser doutro xeito.
Relacionadas:
-
Tres amigas e un mesmo obxectivo: entrar xuntas na próxima corporación municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Compromiso por Galicia anima aos "desencantados do PSOE" a que lles voten
Por Oskar Viéitez & Daniel Santomé |
-
Compromiso propón desprazar a autovía de Marín cara os terreos de ENCE e construír un gran paseo verde
Por Redacción |
-
Compromiso por Galicia: "O goberno de Lores so dá preferencia ao rural na inspección fiscal"
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Plural e chea de mocidade, así presenta Compromiso por Galicia a súa candidatura en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pilar Dopazo será a candidata ás municipais de Pontevedra por Compromiso por Galicia
Por Redacción |