Xavier Vence destaca a Luciano Sobral como referente de xestión honesta
Por Diego Torrado
O candidato do BNG-Asembleas Abertas en Poio, Luciano Sobral, presentou no local social da Comunidade de Montes de Combarro os membros da súa candidatura ás próximas eleccións municipais ante a presenza do portavoz nacional do partido nacionalista, Xavier Vence.
Vence indicou que Poio se converteu nun exemplo do que pode facer un grupo nacionalista cando se mantén firme aos seus principios e aberto aos veciños e puxo o concello onde goberna Luciano Sobral como un bo referente de ferramenta para construír o país dende abaixo.
Neste sentido puxo en contraposición as redes clientelares que manteñen, segundo apuntou, os gobernos do PP e os municipios liderados polo BNG nos que destacou unha xestión honesta, con preocupación polo benestar dos veciños e pola dinamización económica e social.
O portavoz nacional do BNG referíuse a Sobral como un exemplo para os nacionalistas despois de 36 anos traballando para Poio e gañando o respaldo veciñal durante 20 anos.
Pola súa banda, Luciano Sobral afirmou que a candidatura que encabeza conxuga a experiencia e a renovación sinalando que a base do éxito é ser un concello transparente e aberto a todo o mundo.