O BNG exhibe 'músculo' para as municipais xuntando unhas 2.000 persoas no Recinto Feiral
Poucos poden presumir, especialmente en tempos de tanto desapego político entre a cidadanía, de reunir nun acto político unhas 2.000 persoas. ÿ o que conseguiu o BNG, con Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza, este venres no Recinto Feiral. Esta multitudinaria cea-mitin foi a perfecta pedra de toque para que os nacionalistas dean por comezada a carreira electoral ata o próximo 24 de maio.
Dende as nove da noite, Fernández Lores e os membros da súa candidatura foron recibindo a todos os asistentes, principalmente militantes e simpatizantes do BNG, pero tamén representantes de amplos sectores da sociedade pontevedresa.
Unha hora máis tarde, e ao ritmo de Quero Pontevedra -un rap en galego composto para a ocasión-, daba comezo un pequeno mitin no que o candidato do BNG á Alcaldía gabou as bondades dun modelo urbano que converteu á cidade nun "referente mundial". Entre todos, dixo, "traballamos arreo para que a cidade puidese ofrecer algo diferente e valioso" e exclamou que agora "non hai quen pare a Pontevedra".
Para o actual alcalde, Pontevedra é hoxe a capital da cultura e o patrimonio de Galicia, un referente no tratamento do rural, un dos concellos coas contas máis saneadas e un municipio que se destacou na loita contra as medidas do sistema "cruel e corrupto que soportamos". Ademais, destacou o traballo feito en materia social -coa RedeAxuda á cabeza-, as iniciativas destinadas aos mozos ou no "florecemento" do deporte.
Fernández Lores presumiu de liderar un BNG "unido, cohesionado e cunha sólida traxectoria, garantía dunha acción de goberno eficaz e solvente". Eles liderarán, segundo o alcalde, o "paso adiante" que debe dar a cidade no próximo mandato. Neste sentido, citou a aposta por mellorar a participación cidadá, avanzar na calidade de vida do rural, mellorar as marxes do río, seguir loitando contra ENCE ou construír a planta de compostaxe.
A pesar da euforia que se vive no BNG ante esta cita electoral, o alcalde recordou que "non hai nada gañado e queda o máis importante por facer". De aí que reiterase a petición a "todos aqueles que lle queremos a Pontevedra" que traballen sen descanso para evitar que se "free en seco" o avance da cidade, algo que acontecería, apuntou, se a próxima Corporación se converte nunha "grileira ingobernable".
O acto tamén contou cun breve discurso da número dous da candidatura nacionalista en Pontevedra, Anabel Gulías, e do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence. Este último destacou que "é impresionante este mar de xente", en referencia á masiva asistencia a esta cea, e asegurou estar "orgulloso" do cambio logrado por Pontevedra. "O que se fai aquí é 100% BNG, é o que queremos facer en todo o país", afirmou.
O momento máis emotivo produciuse tras a cea, momento elixido por Miguel Anxo Fernández Lores -que non deixou de moverse entre as mesas durante toda a noite, saudando e charlando brevemente cos convidados- para felicitar o aniversario dun dos históricos militantes do BNG na cidade. Trátase de Pepe 'o Xouba', un ex traballador de Aquagest e veciño de Marcón que cumpría 70 anos
Relacionadas:
-
Un acto festivo en lugar da pegada de carteis, primeira proposta do BNG para unha campaña alternativa
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá o primeiro Encontro Nacional do BNG fóra de Santiago
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Así é "Quero Pontevedra", o rap de Lores para a campaña electoral
Por Alejandro Espiño |
-
Unha cea para 2.000 persoas, punto de partida do BNG de cara ás eleccións do 24-M
Por Alejandro Espiño |
-
Lores reforza a súa lista electoral cun grupo de apoio de dez pontevedreses "de recoñecido prestixio"
Por Natalia Puga |
-
Lores ve "moi difícil" pactar tras o 24-M porque PP, PSOE e Marea "queren desfacer o modelo de Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |