Unha cea para 2.000 persoas, punto de partida do BNG de cara ás eleccións do 24-M
Por Alejandro Espiño
Preto de 2.000 persoas confirmaron xa a súa asistencia á cea de inicio de campaña que celebrará o BNG de Pontevedra este venres 17 de abril, a partir das 21.30 horas, no Recinto Feiral. Trátase dun acto que busca simbolizar o arranque da campaña electoral de cara ás eleccións municipais do 24 de maio, nas que os nacionalistas "non nos poñemos límites", apuntou Miguel Anxo Fernández Lores.
Nesta cea haberá un pequeno acto político que conducirá a concelleira Carme da Silva e no que intervirán a número 2 da candidatura por Pontevedra, Anabel Gulias, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e pechará o candidato e actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Será o inicio forte de campaña. Facemos unha cea todas as eleccións municipais. A impresión que temos é boísima. Hai un gran ambiente e receptividade, tal vez sexa a cea con máis asistencia de todas as que fixemos ata o de agora", explicou o candidato do BNG.
No Recinto Feiral haberá unha representación da militancia e de simpatizantes, pero tamén estará representada a "sociedade pontevedresa de todos os sectores": veciñal, deportiva, empresarial ou sindical.
O eixe da campaña do BNG será tentar convencer aos pontevedreses de que "para continuar e avanzar de cara ao futuro temos que consolidar o modelo que está sendo recoñecido internacionalmente". Por iso, Fernández Lores apelou ás persoas "que queren a esta cidade", para dicirlles que "hai que loitar por ela e poñela no mapa para que avance cara ao futuro".
Pero os nacionalistas farán fincapé tamén, entre outras cuestións, na necesidade de trasladar a barrios e parroquias os criterios de calidade urbana, profundizar na participación real da cidadanía na vida municipal, seguir avanzando na recuperación das marxes do río e nos espazos naturais do concello ou en continuar proxectando a cidade cara fóra e atraendo eventos e congresos que xeren ingresos á cidade.
Todo iso, sinalou Raimundo González, grazas a una candidatura que xa foi presentada ante a Xunta Electoral. "Somos os primeiros en facelo", destacou. Nela, dixo, "está representada toda a sociedade pontevedresa" e afirmou que todos os seus membros, incluídos os dez suplentes "podería desempeñar o labor de concelleiro, dende o segundo ao último, porque o que é innegable é o candidato a alcalde".
Relacionadas:
-
Así é "Quero Pontevedra", o rap de Lores para a campaña electoral
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG exhibe 'músculo' para as municipais xuntando unhas 2.000 persoas no Recinto Feiral
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Lores reforza a súa lista electoral cun grupo de apoio de dez pontevedreses "de recoñecido prestixio"
Por Natalia Puga |
-
Lores ve "moi difícil" pactar tras o 24-M porque PP, PSOE e Marea "queren desfacer o modelo de Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |