Juan Manuel Rey presentarase ás eleccións en Caldas, con ou sen o PSOE
Por Redacción
A asemblea local do PSdeG-PSOE en Caldas de Reis reunirase este luns para analizar o impacto da decisión do xulgado de abrir xuízo oral contra o actual alcalde e candidato socialista, Juan Manuel Rey, e adoptar unha decisión sobre o seu futuro como número un da lista. O código ético do partido implica a dimisión nesta situación, pero el asegura que "non vai dimitir" como alcalde e avanza que se presentará ás municipais tanto se segue dentro do PSOE coma se se vai.
"Lista encabezada por Juan Manuel vai haber, si ou si", asegurou este luns nunha rolda de prensa convocada para dar a coñecer as súas próximas accións unha vez que se lle procesou polo delito de malversación por pagar unha multa xudicial con fondos municipais. Segundo el mesmo asegura, presentarase ás eleccións do 24 de maio tanto se segue no seu partido actual coma se se ve obrigado a dimitir. En caso de que se vaia, presentaríase nunha candidatura independente.
Rey compareceu apoiado por seis concelleiros socialistas e anunciou que pedirá a nulidade das actuacións xudiciais polas que rematou procesado, pois el defende a súa inocencia e considera que a resolución do Xulgado de Instrución número 1 de Caldas é "unha vergoña" que se basea en "unha opinión de nulo valor xurídico".
A súa intención é recorrer en todas as instancias posibles e mesmo valora chegar ao Tribunal Constitucional ante a "vulneración" clara que se produciu ao seu dereito á tutela xudicial efectiva. Á espera de que se resolvan os recursos, isto é, "mentres dure a ignominia" do seu caso, adianta que ten intención de realizar traballos sociais todas as semanas.
"Varrerei, doarei sangue... o que sexa, pero quero que a quen corresponda revise isto, porque me sinto atracado", indicou o rexedor socialista, que empezará eses traballos sociais xa este martes coa plantación de 15 carballos.
Juan Manuel Rey ten intención de "morrer" militando no PSOE, tal e como xa fixo o seu pai, que foi primeiro tenente de alcalde socialista de Caldas seguía sendo afiliado ao partido cando faleceu. Neste sentido, indica que lle "sabería fatal" que o partido lle puxese na tesitura de ter que irse e asegura que "non ten nada de que avergonzarse con respecto á miña actuación".
Relacionadas:
-
A xuíza rexeita o recurso presentado polo alcalde de Caldas contra a apertura de xuízo oral
Por Oskar Viéitez |
-
Eleccións 24M: Vitorias en minoría de Juan Manuel Rey (PSOE) en Caldas e Antonio Pena (PP) en Cuntis
Por Redacción |
-
Dictan un novo auto de apertura de xuízo oral contra o alcalde de Caldas
Por Redacción |
-
Juan Manuel Rey gaña o 'pulso' con Besteiro e será o candidato do PSdeG-PSOE en Caldas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Besteiro recorda ao alcalde de Caldas que no PSdeG "hai un código ético que non podemos ignorar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Abren xuízo oral por malversación contra o alcalde de Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |