Música e mexilloada popular para celebrar San Bieito á beira do Lérez
Por Redacción
A tradicional romaría de San Bieito volverá ter este ano unha vertente máis lúdica e popular. É a que se celebrará, como é habitual, nos coñecidos como salóns do Lérez, nas inmediacións da praia fluvial. Será o xoves 11 de xullo.
Mentres na outra beira do río, no Mosteiro de Lérez, desenvólvense os actos relixiosos e litúrxicos, a festa comezará ás dez e media da mañá.
Será coa saída do grupo de música tradicional Os Alegres, que tocarán desde a casa do concello ata os salóns do Lérez.
A romaría popular propiamente dita arrancará ás 11:30 horas.
Os gaiteiros da agrupación Duos Pontes amenizarán o principio desta romaría e, ás 12:00 horas, haberá un pasacalles a cargo de Gaiteiros das Rías Baixas e Os Alegres.
Ao mediodía servirase ademais a mexilloada popular, que cada ano atrae por centos de persoas.
Xa pola tarde, a festa continuará coa música do grupo Pola Vila (17:30 horas).
Unha verbena coa orquestra M-3 Show no adro do Mosteiro de Lérez, ás dez e media da noite, servirá como fin de festa á celebración do San Bieito deste ano.