Unha princesa, os nazis, o fundador de Pescanova, unha foto en Facebook, pleito dos herdeiros e unha película
Por Oskar Viéitez
Neste ano 2023 tamén se viviu en Pontevedra unha curiosa historia que ten como protagonistas a dous cadros.
As pinturas son dúas táboas flamencas que forman o díptico 'Mater Dolorosa' e 'Ecce Homo' (1420-1475), de Dieric Bouts. Este díptico pertencía á prestixiosa colección polaca do castelo de Goluchów, fundada en 1796 pola princesa Izabella Czartoryska-Dzialynska, que foi expoliada en 1941 polos nazis durante a ocupación alemá.
Naquel momento os depositarios do patrimonio saqueado eran o príncipe Augustyn Jozef Czartoryski e a súa muller María de los Dolores de Borbón-Dos Sicilias y Orleans, que acabaron deportados e exiliados en Sevilla. Entre as obras da colección tamén se atopaba o cadro 'A dama do armiño', de Leonardo da Vinci.
Ese díptico de Bouts chegou ao Museo de Pontevedra da man de José Fernández López. O fundador de Pescanova, impulsor de Zeltia e coleccionista de arte que dá nome a un dos edificios da institución museística pontevedresa, adquiriu os cadros na 'Galería El Cisne' de Madrid, a principios da década de 1970 deixándoos logo en depósito no Museo Provincial ata que os seus responsables compraron toda a colección -unhas 313 pezas de arte- en 1994 por uns 600 millóns de pesetas.
No ano 2019, en plena pandemia da Covid-19, o Museo publicou no seu perfil en Facebook unha fotografía dos cadros 'Mater Dolorosa' e 'Ecce Homo' que se exhibían na pinacoteca provincial. Entre as miles de persoas que viron durante o confinamento esta sinxela publicación estaba Mariusz Wiśniewski, membro do Departamento de Patrimonio Nacional do Ministerio de Cultura de Polonia. Sorprendido ao identificar as obras contactou co Museo de Pontevedra.
Ao ter coñecemento desta delicada circunstancia, os responsables do Museo trataron de determinar a rastrexabilidade, verificar a autenticidade e analizar as condicións nas que chegou o díptico a Pontevedra. Non había dúbidas a súa orixe estaba clara: era froito do espolio do Terceiro Reich. A partir de entón traballouse para converter un problema nun éxito de colaboración devolvendo as pinturas a Polonia.
"É un orgullo e unha reparación histórica. Estamos sumamente contentos. Imos devolver con gusto, é unha restitución histórica, reparar algo que foi un espolio a man armada, un abuso", sinalou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera "é un acto de xustiza e de coherencia".
A noticia tivo unha repercusión internacional e ao decatarse a familia herdeira dos Czartoryski reclamou ao Museo de Pontevedra a propiedade dos cadros. O Museo de Pontevedra decidiu desentenderse deste litixio e entregalos directamente ao Goberno polaco.
Tras ser restaurados realizouse unha pequena exposición para a que cidadanía da Boa Vila puidese despedirse dos cadros de Bouts antes de "facer pedagoxía" e entregar aos seus propietarios as obras usurpadas pola Alemaña nazi durante a Segunda Guerra Mundial.
O proceso de devolución culminou o día 17 de marzo nun acto multitudinario celebrado no castelo de Goluchów cun amplo seguimento mediático e retransmitido en directo por varias cadeas de televisión. Ata alí viaxou unha delegación pontevedresa á que o vicepresidente e ministro de Cultura de Polonia, Piort Glinski, agradeceu a súa colaboración pola dilixencia na devolución destas obras arte; cualificando de "exemplar" a actuación da Deputación.
Os dous cadros pertencen xa ao museo de Poznan, que, por paradoxos da historia, actualmente acolle de forma provisional obras de arte de Ucraína, que foron trasladadas a este país para protexelas da invasión rusa.
Aínda que se vostede quere ir ver este díptico terá que viaxar a Bélxica pois, ata o 14 de xaneiro, estará exposto no M Museum de Lovaina coa mostra 'Dieric Bouts. Creador visual'.
Toda esta historia do espolio nazi dos cadros da Dolorosa e o Ecce Homo vai ser parte dunha película que está a rodar Mewa Films, esperemos saber entón como acabou o preito da familia Czartoryski.