Desigual estrea de 2014 para o Comercial Durán: vitoria feminina e derrota masculina
Por Redacción
Tralo parón do Nadal regresou a competición na Segunda División de voleibol. Fíxoo con resultados desiguais para os equipos do Comercial Durán. O equipo feminino logrou unha contundente vitoria por 3-0 ante o Dompa Gestión e mantense na zona alta da clasificación. Menos sorte correu o conxunto masculino. Caeu derrotado en casa ante o Intansa San Sadurniño B, que venceu por 1-3.
As mozas do Comercial Durán non tiveron problemas en derrotar ao seu rival no pabellón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O colista da categoría aínda non gañou ningún partido esta tempada e na súa visita a Pontevedra tampouco sacaron punto algún. Perderon por 3 sets a 0 e con contundencia en cada un deles: 25-10, 25-19 e 25-11.
Pola súa banda, o equipo masculino recibía a un dos conxuntos máis potentes da categoría, o Intansa San Sadurniño B, terceiro clasificado. Tras perder as dúas primeiras mangas por 20-25 e 22-25, lograron vencer o terceiro por 25-20, un resultado que lles deu certa moral para afrontar o cuarto set, pero finalmente cederon por 20-25.
Con estes resultados, o Comercial Durán feminino suma a súa oitava vitoria da tempada. Son quintas con 22 puntos. Pola súa banda, os mozos sitúanse na penúltima praza da Segunda División. Lograron unha vitoria en dez partidos e teñen catro puntos.