O Jealsa Boiro sorprende o Comercial Durán e derrota ás pontevedresas por 3 sets a 1
Por Redacción
Non foi unha boa xornada para o Comercial Durán. Nin para o equipo feminino nin para o masculino. As súas visitas a Boiro saldáronse con senllas derrotas. Especialmente sorprendente foi a do equipo da Segunda División feminina. O conxunto local, o Jealsa Boiro Voleibol, logrou vencer ás pontevedresas por 3-1, a pesar da diferenza que existían entre ambos equipos na táboa clasificatoria.
O Boiro despregou un bo nivel de saque e ataque no primeiro set. As de Mario Iglesias non deixaron escapar a oportunidade e venceron por 28 a 26. No segundo reaccionaron as visitantes para igualar o encontro fronte un rival en horas baixas que cedía 17 a 25, e de forma semellante pero cos roles cambiados discorría o terceiro, nesta ocasión baixo o dominio boirense recollido no 25 a 16.
Chegado o cuarto e definitivo set a igualdade volveu á cancha para reflectir a loita de ambos equipos, un por pechar o partido e outro por seguir con opcións e forzar o quinto set. O pulso levou o empate á recta final, e superada a barreira dos 25 puntos o Boiro xestionou mellor os seus recursos para pechar a contenda 29 a 27.
Con esta derrota, o Comercial Durán cede terreo na cuarta posición, empatando a puntos co Zalaeta. Ambos teñen 18 puntos.
DERROTA DO EQUIPO MASCULINO
E o equipo masculino tamén caeu en Boiro, no seu caso contra o Redesyl Boiro Voleibol, polo mesmo resultado que as súas compañeiras, 3 sets a 1. Os locais comezaron máis entoados o primeiro parcial e marcaron a primeira distancia, 25 a 19. Pero no segundo sería o equipo de Boiro quen sufriría o seu propio desacerto, permitindo aos pontevedreses responder 18 a 25.
No terceiro sen embargo reaccionaban os de Adrián Alves para, co seu mellor xogo levar a vantaxe de novo ao marcador sen dar posibilidade ao equipo visitante (25-13). O cuarto igualaría as forzas de ambos equipos, pero na recta final o Redesyl non deixou escapar a oportunidade de sumar a segunda vitoria consecutiva e sentenciou 25 a 23.